Despois do éxito cultivado durante a última edición do taller dual de emprego PROXEDIS II ( PROfesionais en XEriatría e DIScapacidade), no que un 80% do alumnado conseguiu un contrato de traballo, o Concello de Cambre reforzará a súa oferta formativa. Así, ademais de organizar a terceira edición do obradoiro PROXEDIS, o equipo de goberno poñerá en marcha o PROWEB, unha iniciativa coa que o alumnado abordará a confección e a publicidade en páxinas web.

Desta forma, o Concello aposta por ofrecer formación en dúas das áreas laborais máis demandadas na actualidade: por unha banda, na rama dos servizos asistenciais e, polo outro, na da informática e comunicacións.

Ámbolos dous cursos formativos serán presenciais e levaranse a cabo no Centro de Formación Municipal de Cambre. O equipo docente destes talleres estará conformado por profesionais cunha dilatada experiencia nestes sectores. Durante o período lectivo, ademais da formación teórica, os participantes contarán tamén con prácticas coas que poderán demostrar todo o aprendido durante as clases.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarila Rei, explicou que o éxito alcanzado no taller PROXEDIS II indica que “esta é a liña de traballo que o Concello debe seguir nos próximos anos, apostando por iniciativas que melloren a empregabilidade dos veciños e veciñas”, comentou.