A OMIX acolleu, esta mañá, a presentación do evento, que correu a cargo do alcalde, Óscar García Patiño, do concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, do profesor do IES David Buján, José Viñas, e das dúas codirectoras, Ana Rascado e Andrea Cadaveira.
A cita arrincará o sábado, 18 de setembro, e prolongarase ata o domingo, día 19.

Cambre repetirá, esta fin de semana, como capital da ciencia cidadá. Farao a través da celebración da IV Open Science, organizada polo Concello e pola asociación do IES David Buján XentD100cia. A sede da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) acolleu, esta mañá, o acto de presentación, que correu a cargo do alcalde, Óscar García Patiño, do concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, dun dos impulsores da feira e profesor do instituto, José Viñas, e das codirectoras, Ana Rascado e Andrea Cadaveira. Tal e como se avanzou durante o acto, a de 2021 será a edición máis longa da historia. Tanto é así, que a Open Science arrincará este sábado, 18 de setembro ás 12.00 horas e pecharase o domingo, día 19, ás 20.00 horas.

Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor “o traballo dos mozos e mozas que están detrás da realización da Open Science. O éxito desta cita é, sen lugar a dúbidas, grazas ao seu magnífico labor”. García Patiño agradeceu o seu compromiso, así como o do seu profesor, José Viñas, e deixou claro, ademais, o compromiso do goberno local coa Open Science. O responsable da área de Deportes e Xuventude definiu a feira científica “como un organismo vivo que, ano a ano, vai cambiando de propostas e proxectos e que sempre consegue sorprendernos”.

Pola súa banda, as dúas codirectoras realizaron un repaso polas actividades e iniciativas que conformarán a programación ao longo da fin de semana. A IV Open Science combinará a parte presencial e a telemática e contará cun protocolo covid-19 para reducir o risco de contaxio pola covid-19.

Tal e como as codirectoras e o profesor explicaron durante a presentación, a pandemia supuxo readaptar, de novo, as características do evento. Por unha banda, haberá dúas localizacións (o teatro do Parque da Igrexa e o CEIP Wenceslao Fernández Flórez) e a participación en cada unha das actividades estará supeditada á inscrición previa. Precisamente, co fin de garantir as distancias e evitar as aglomeracións, apostouse por ampliar o calendario de actos. Así, a diferenza doutros anos, a cita desenvolverase o sábado desde as 12.00 ás 00.00 horas e o domingo ofreceranse tamén propostas desde as 12.00 ata as 20.00 horas. A idea, segundo explicou Ana Rascado, “é que as persoas interesadas en participar nas actividades poidan facer o seu plan con anterioridade. Este ano, hai infinidade de propostas para nenos e meniñas de todas as idades, polo que animamos á xente a que se anote previamente para planificar a súa fin de semana”.

O programa incluirá talleres de robótica, de voo de drons, scape rooms, E- sports e mesmo desde a organización teñen preparada algunha que outra sorpresa o Sábado Noite, como un espectáculo científico e un baile con traxes led. A IV Open Science supoñerá tamén a presentación e entrega dos premios OSC Xove. A cita contará, ademais, cunhas 40 casetas que se poderán visitar ao longo da fin de semana.

O cronograma e o formulario de inscrición están publicados na páxina web da Open Science.

Unha feira xuvenil feita polos mozos

A Open Science naceu no 2018 cunha importante particularidade: está organizada por e para os máis novos. Baixo o lema de “prohibido non tocar”, a feira expúxose para achegar a ciencia ás novas xeracións. Tal e como Ana Rascado explicou na presentación desta mañá, “viamos o que facían noutros lugares e pensabamos que facelo en Cambre ía ser unha loucura e agora, catro edicións despois, aquí estamos”. Ana ten 21 anos e, a pesar de que xa fai varios que terminou os seus estudos no IES David Buján, a súa vinculación co centro permanece inalterable. Neste punto, José Viñas apuntou que “o alumno máis novo da organización ten 13 anos e o máis maior, 21. A idea é que empecen como voluntarios e poidan ir evolucionando ata asumir maiores responsabilidades como, por exemplo, a codirección”.