A feira, organizada polo  Concello e o Club de Ciencia do IES David Buján, celebrarase os días 19 e 20 de setembro nos seguintes puntos: CEIP Wenceslao Fernández Flórez, Anfiteatro do Parque da Igrexa, zona do castro de Cambre e pavillón Sofía Toro.
A maiores, a feira retransmitirase a través da plataforma Twitch.

Cambre volverá repetir como capital da ciencia cidadá. Farao a través da celebración da súa III Open Science, organizada polo Concello e polo Club de Ciencia do IES David Buján. Respecto a outras edicións, o evento estará condicionado pola situación sanitaria actual provocada polo coronavirus. Co obxectivo de reducir o risco de contagios por COVID-19, o evento rexerase atendendo a un estrito protocolo de seguridade. Nesta ocasión, a feira, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro, combinará a modalidade presencial e telemática.

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, sinala o gran valor e mérito da feira: “a pesar de que ten poucos anos de historia, trátase dun evento xa consolidado que destaca polo enorme traballo dos alumnos e alumnas, que participan activamente na organización da feira. Este ano, o Concello fixo un gran esforzo, xunto co club de ciencia, para adaptar as actividades á situación xerada pola COVID-19, xa que o que non queriamos era perder o espírito da feira”.

A 3ª edición da Open Science incorporará importantes novidades: por unha banda, estará especialmente dirixida ao público familiar e, polo outro, ampliará o seu horario co obxectivo de espaciar as actividades e evitar aglomeracións (o horario do sábado será de 12.00 a 00.00 horas e o domingo de 11.00 a 14.00 horas). Iso si, se algo segue intacto con respecto ao 1º ano é, precisamente, o obxectivo da feira: achegar a ciencia á cidadanía.

Programación presencial e telemática

A III Open Science arrincará este sábado, 19 de setembro, e combinará a programación presencial e telemática. Ao longo da fin de semana, os e as participantes poderán gozar de scape rooms, talleres de drons, competicións de videoxogos e xadrez, maratón de identificación de especies (Bioblitz), etc. Este ano, as actividades levaranse a cabo en varios espazos do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, no Anfiteatro do Parque da Igrexa, na contorna do castro e no pavillón Sofía Toro. Así mesmo, como destaca o impulsor da Open Science, José Viñas, “a feira terá unha gran presenza en redes sociais e retransmitirase por vía telemática a través da plataforma Twitch”.

A programación do evento contará, como non podía ser doutra forma, con actividades relacionadas coa emerxencia sanitaria actual. O sábado desde as 12.00 horas, terá lugar o taller e concurso Diseñatón, no que os nenos e nenas deberán que deseñar pezas de roupa innovadoras e creativas que permitan, ademais, manter a distancia de seguridade. Posteriormente, haberá un concurso no que os pequenos deseñadores darán a coñecer as súas mellores creacións. Tamén o sábado, ás 16.00 horas, terá lugar un taller no que os maiores de 12 anos prepararán traxes led que utilizarán, ese mesmo día (ás 23.00 horas), para facer unha coreografía. Durante a xornada inaugural levarase a cabo un Got Talent no que os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos poderán presentar os seus experimentos. A maiores, a través da actividade Noite de Científicos, haberá representantes de proxectos como a Cátedra Emalcsa, o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), o proxecto de Intelixencia Artificial da Universidade de Ferrol e o proxecto Laboratorio de Emocións. A música estará tamén presente nesta primeira xornada a través dun concerto de Mamá Cabra, que terá lugar no Anfiteatro ás 17.00 horas.

A programación concluirá o domingo, 20 de setembro, coa celebración dunha competición E-Sports, (salón de plenos do Concello de Cambre ás 11.00 horas). Ás 13.00 horas está prevista a entrega de premios.

Open Science Chat

O calendario de actividades incluirá, ademais, a organización de dúas charlas Open Science Chat. Os relatores a responsable da California Academy of Science, Saba Tauqir (sábado ás 19.00 horas) e cun dos impulsores da ciencia cidadá en España, así como un dos responsables dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da comunidade de Aragón, Fermín Serrano.

Protocolo COVID-19

As persoas interesadas en asistir a calquera das actividades da III Open Science de Cambre deberán apuntarse previamente a través do formulario  online dispoñible nas redes sociais da feira. A maiores, e co obxectivo de garantir a seguridade do alumnado participante e do público asistente, haberá aforo limitado para todas as actividades abertas ao público, que deberán manter a distancia social e levar posta, en todo momento, a máscara.