Promover a autonomía persoal do alumnado do Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo. Ese é o obxectivo do convenio que o Concello de Cambre subscribiu co Instituto de Maiores e Servizos Sociais. Este acordo implicará que os usuarios e usuarias do CPAP de Bergondo poderán facer prácticas formativas no departamento de Servizos Sociais do Concello. O convenio, que terá unha vixencia de catro anos, asinouse no mes de marzo e o venres 19 de xuño publicouse a resolución no Boletín Oficial do Estado.

Este convenio subscríbese despois das reunións que o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, e o de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, mantiveron coa dirección do Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo.

Tal e como explican o concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez e a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan Lesta, “o obxectivo deste acordo é promover a igualdade e a autonomía das persoas con discapacidade, dándolles a oportunidade de que adquiran experiencia e incrementando as súas oportunidades de traballo no mercado laboral”.

A través destas prácticas formativas, os alumnos e alumnas do centro coñecerán o funcionamento do Concello, así como os seus métodos de traballo e organización, como complemento práctico aos seus estudos.

Cada participante terá un período de prácticas de entre 50 e 250 horas –ou o seu equivalente en días-. Poderán traballar, como máximo, seis horas ao día e en horario de mañá ou de tarde –en función das necesidades do departamento-.