Para sumarse a esta iniciativa, o goberno local aplicou diversas bonificacións no impostos –IBI, ICIO e IAE-, co fin de promover a implantación de novas empresas no municipio.
A adhesión ao protocolo daralle prioridade ao Concello nas subvencións da Xunta de Galicia como Obradoiros de Emprego, accións formativas para persoas desempregadas ou nas de Industria.

Cambre acaba de facerse cun novo recoñecemento, o de Concello Emprendedor. Trátase dunha categoría que recoñece a vontade do Concello para cumprir un obxectivo: promover a actividade empresarial no municipio, favorecendo a implantación de novas compañías e a creación de máis postos de traballo. Ata a data, tan só catro Concellos da área metropolitana se adheriron a este protocolo, promovido pola Xunta de Galicia e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

O Concello aprobou a súa adhesión e a aplicación de diversas bonificacións nos impostos no pleno de novembro. A proposta aprobada supuxo a bonificación de ata o 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI), no Construcións, Instalacións e Obras ( ICIO) e no Imposto de Actividades Económicas (IAE) para novas empresas cualificadas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de emprego.

Con esta iniciativa, o Concello comprométese a ofrecer incentivos fiscais, máis facilidades para acceder a chan empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa ás compañías interesadas en fincarse en Cambre. Ademais, a adhesión a este protocolo daralle prioridade ao Concello parar optar a subvencións da Xunta de Galicia, tales como obradoiros de emprego ou accións formativas para persoas desempregadas.