Cambre, 29 de setembro de 2017.  O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, presentou esta mañá o Plan integral de Saneamento do Concello de Cambre que elaboraron uns enxeñeiros municipais supervisados polo responsable e enxeñeiro xefe da área de Servizos.

O estudo recolle a rede actual de saneamento de todo o municipio e proxecta a rede inexistente cos proxectos pormenorizados sobre os custos de implantar estas conexións, vivendas e veciños afectados en cada actuación, dimensións etc, etc…

O estudo recolle que o 57% das vivendas rurais carecen de saneamento e que coa futura rede alcanzaríase o 98% de todas elas. O custo para lograr este último dato, ou o que é o mesmo, o custo de todos os proxectos de saneamento para alcanzar practicamente o saneamento integral, será de case 6.000.000 euros (IVE incluído).

Con este plan dotaríase de servizo de rede de sumidoiros de fecais a 1.185 vivendas o que afectaría directamente a 3.438 persoas.

O alcalde asegura que grazas a este estudo comezaranse a executar os proxectos anualmente con rigor e transparencia. Comezarase polas vivendas que estean en núcleo e onde o servizo de dote por gravidade. Despois polas vivendas de núcleo e que necesiten dun bombeo para garantir o servizo. O paso seguinte serán as vivendas rústicas por gravidade e as de bombeo en chan rústico.

Para lograr estes datos García Patiño sostén que falará cos grupos da Corporación e coas asociacións de veciños para que decidan entre todos que cantidade anual de investimento para destinala a saneamento. “Temos que decidir que cantidade destinamos cada ano para que nuns anos podamos facer realidade entre todos un saneamento integral. Cremos que é un proxecto a longo prazo que debemos comezar de inmediato, pero que ten que durar no tempo sexa quen sexa o goberno de Cambre”.

Lembra que o goberno estará aberto a escoitar a comunidades de veciños que queiran achegar parte do gasto nun determinado núcleo, para evitar que a obra se demore. “Se existen comunidades de veciños, ou agrupacións de casas que están dispostas a achegar parte do gasto priorizarase a obra e obviamente abaratarase o gasto para as arcas públicas”

Doutra banda, co fin de reducir este custo xeral nas parroquias onde é máis difícil a implantación da rede, como é o caso de Santa María de Vigo ou Andeiro, onde faría falta a construción dunha planta de depuradora e outra de bombeo, o alcalde púxose en contacto cos concellos limítrofes, como é o caso de Carral, para compartir infraestruturas que permitan a instalación desta rede nestas parroquias.