Cambre rememorará este venres, 6 de decembro, o seu pasado nobiliario. En concreto, o Concello prepárase xa para regresar ao século XIV e para lembrar a figura de Xoán Fernández de Andeiro, máis coñecido como o Conde de Andeiro. Para lograr ese regreso ao pasado, o goberno local ten preparado un completo programa de actividades que incluirá actuacións musicais, pasacalles e recreación histórica, taller infantil e unha conferencia.

A actividade está organizada pola concellería de Cultura e conta coa colaboración do tecido asociativo de Andeiro. Con esta iniciativa, búscase poñer en valor o patrimonio e a historia do municipio. Así, tal e como sinala a  concelleira de Cultura, Mónica Varela, o obxectivo desta actividade é “que os veciños e veciñas coñezan a historia de Cambre”.

O programa arrincará ás 11.00 horas no local social de Andeiro coa actuación musical das corais Santa María de Cambre, Aires Novos de Pravio e a Coral de Cecebre coa Coral de Andeiro. Ás 11.40 horas, será a quenda de Gonçalo Guerreiro Dúo, que ofrecerá un concerto ao público asistente.

Ás 12.35 horas terá lugar un pasacalles co grupo de gaitas As Mariñas de Cambre. Así mesmo, levarase a cabo unha recreación histórica do Conde de Andeiro, que correrá a cargo do actor e historiador Suso Martínez, recoñecido polas súas visitas guiadas caracterizadas. O  recreador fará que o Conde de Andeiro volva á vida, e desvelará algúns dos acontecementos que se produciron a finais do século  XIV e que levaron á entronización de Fernando I de Portugal como rei de Galicia. A actividade comezará aos pés do  cruceiro fronte á igrexa de Andeiro, e durante a recreación, realizarase un percorrido pola parroquia que rematará nos restos da Torre na que naceu o Conde de Andeiro.

A xornada continuará pola tarde, a partir das 17.00 horas, cun  obradoiro infantil no que os nenos e nenas farán a maqueta dunha torre. O obxectivo desta actividade non é outro que poñer en vaor o patrimonio local e explicar aos pequenos e pequenas que uso tiña a torre no pasado. O  obradoiro está dirixido para nenos e nenas de entre 3 e 10 anos.

Como broche final, ás 19.00 horas realizarase unha conferencia a cargo de Dores Barral Rivadulla, profesora de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Durante o relatorio, a docente falará, non só do Conde de Andeiro e dos acontecementos históricos vinculados á súa figura, senón tamén doutros membros da familia Andeiro que fixeron historia na Coruña.

 

O Conde de Andeiro Concello de Cambre

Cartel actos O Conde de Andeiro