O Concello de Cambre acaba de pechar o programa Decidámolo Xuntos asinando un novo éxito en termos de participación. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas do municipio fixeron chegar as súas propostas para confeccionar os próximos orzamentos municipais do ano 2020. Agora, tras a recollida de propostas da campaña –na que se recibiron 630 achegas- e da fase de votación, o Concello publicará hoxe no espazo web do Decidámolo Xuntos as sete propostas que recibiron un maior apoio por parte dos cambreses e cambresas. En total, votaron 187 persoas e emitíronse preto de 500 votos. Ademais, a maioría de votos efectuáronse a través da páxina web Decidámolo Xuntos.

Tras a fase de votación popular, sumáronse os puntos obtidos durante todas as fases, e estas son as sete propostas que entrarán nos orzamentos de 2020:

1. Sinalización de rúas (80 puntos)

2. Asfaltado de camiño de Altamira a Anceis (74 puntos)

3. Asfaltado de camiño do Bosque a Bribes Pequeno (73 puntos)

4. Área de autocaravanas (72 puntos)

5. Arranxo de parque en Andeiro (71 puntos)

6. Asfaltado de estrada en Cobazas (Andeiro) (70 puntos)

7. Cambio de xanelas e estores de tea no local da Asociación de Veciños de Santa María de Vigo (69 puntos)
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, incidiu en que, independentemente de que estas sexan as medidas máis votadas, “o Concello acometerá outras actuacións solicitadas polos veciños e veciñas durante a fase de presentación de propostas”. O rexedor cualificou as cifras de participación desta nova edición como “moi positivas”. García Patiño sinalou o compromiso do Concello por seguir apostando por este tipo de medidas, “coas que se busca que os veciños e veciñas involúcrense nas decisións políticas e fagan chegar as súas demandas e necesidades”.