A primeira xornada do programa terá lugar este venres, 26 de novembro, no Centro Sociocultural do Graxal.
Co obxectivo de que a iniciativa poida chegar ao maior número de persoas e de garantir os aforos, o Concello organizará dous pases de cada un dos recitais.

Carmen Rey Quinteto, Marco Mezquida Piano e Baldo Martínez Cuarteto marcarán o ritmo en novembro e decembro. Farano subíndose ao escenario do ciclo Noites de Jazz, unha iniciativa coa que a concelleira de Cultura, Mónica Varela, busca “recuperar, pouco a pouco e con todas as precaucións, a música en vivo”. Tal e como explica Varela, con este programa preténdese conseguir un dobre obxectivo: “por unha banda, queremos seguir apoiando ao sector da música, que viviu un ano e medio especialmente difícil por mor da pandemia e, pola outra, continuar cultivando este xénero musical entre a veciñanza do municipio”. O ciclo levarase a cabo ao longo de tres xornadas. A primeira celebrarase este venres, 26 de novembro, a segunda o 3 de decembro e a terceira e última o día 10.

Co fin de garantir que a iniciativa poida chegar ao maior número de persoas e cumprir, ademais, cos aforos marcados polas autoridades sanitarias, o Concello organizará dous pases de cada un dos concertos –cunha duración de 45 minutos cada un-. A primeira sesión realizarase, en todos os casos, ás 20.30 horas. Unha vez termine, haberá un pequeno descanso de 15 minutos e a seguinte sesión arrincará ás 21.30 horas.

Carmen Rey Quinteto será a encargada de inaugurar o ciclo este venres, 26 de novembro ás 20.30 e ás 21.30 horas, no Centro Sociocultural do Graxal. Marco Mezquida Piano tomará a substitución o venres, 3 de decembro, ofrecendo tamén dúas sesións (20.30 e 21.30 horas) na Casa da Cultura Vila Concepción. Baldo Martínez Cuarteto clausurará o ciclo o venres, 10 de decembro, en Vila Concepción, con dous pases (20.30 e 21.30 horas).

O aforo é limitado, polo que as persoas interesadas deberán reservar as súas entradas previamente. Para iso, poderán acudir ao Museo Arqueolóxico de Cambre desde hoxe, martes 23 de novembro.