Cambre, 7 de maio de 2018.  As obras de ampliación e reforma do Parque Infantil oeste da Barcala comezaron o pasado venres, día 4 de maio. A empresa encargada dos traballos, “IAM Rumbo Instalaciones y Obras, S.L.”, terá un prazo dun mes e medio para executar a actuación, que ten un custe de 71.000 euros, e que está incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) “POS+ 2017”.

Segundo o goberno local a execución da obra, adxudicado o 2 de marzo, sufriu un retraso por mor da demora na entrega dos novos xogos.

Coa ampliación o parque infantil pasará de ter 330 a 535 metros cadrados de superficie, con pavimento de caucho de diferentes debuxos e cores e con novos equipamentos de xogos, incluíndo algúns adaptados e integradores para nenos con discapacidades.

“Lamento moito o retraso desta obra tan prioritaria para a veciñanza. A entrega dos novos xogos retrasouse e a empresa non puido iniciar as obras no mes de marzo, cando estaba previsito o seu inicio. Agora xa está subsanada a eiva e, salvo inclemencias meteorolóxicas, estará rematada  no mes de xuño”

O deseño permitirá diferenciar unha zona para nenos maiores e outra para pequenos, cunha capacidade para 48 usuarios de forma simultánea.

Terá dúas randeeiras dobres, outro con asentos berce e outro máis para nenos con diversidade funcional. Tamén un randeeira cesta, dúas estruturas  multixogo con rede para rubir, rocódromo e tobogán, un carrusel, un peirao con xogo de labirinto, un tobogán en noiro e presas formando un rocódromo nos dous laterais do tobogán en noiro, de forma que se xerará un circuíto de actividade.

Esta obra foi unha das demandas prioritarias dos veciiños e veciñas na campaña de recollida de propostas  para os orzamentos “Decidámolo Xuntos”.