A Xunta de Galicia abriu hoxe, luns 9 de decembro, o período de consulta pública do documento estratéxico e do borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Cambre. Esta documentación estará exposta durante un período de 2 meses, tempo no que os veciños e veciñas poderán facer chegar as súas observacións. En concreto, o prazo de exposición pública rematará o 10 de febreiro de 2020.

Co obxectivo de ofrecer a máxima transparencia e facilitar que as persoas interesadas poidan facer chegar as súas observacións, a páxina web municipal dispoñerá dunha publicación que ligazón, directamente, coa realizada pola Consellería de Medio Ambiente.

O alcalde, Óscar García Patiño, indicou que se “está cumprindo cos prazos previstos”, e agradeceu o traballo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que tamén abriu o período de exposición dentro do calendario previsto. Tal e como sinala o rexedor, o obxectivo é “ter o PXOM listo para este mandato”. Este documento responderá as necesidades e demandas expostas polos veciños e veciñas durante o Proceso de Participación Pública do Plan Xeral. Ademais, estará adaptado aos obxectivos ambientais que a Unión Europea marca para o 2030 co fin de frear o cambio climático. Por último, o PXOM de Cambre servirá para potenciar e poñer en valor o patrimonio fluvial de Cambre.

Proceso de Participación Pública

O Concello está a dar, ademais, outro paso máis para seguir avanzando no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM): responder, de maneira individualizada, as propostas presentadas polos veciños e veciñas durante o Proceso de Participación Pública do PXOM. Estes traballos están xa moi avanzados e remataranse proximamente.

Atendendo aos resultados do Proceso de Participación do PXOM, o Concello asinou un auténtico éxito: en total, os 37 encontros -4 Encontros de Futuro, 14 reunións informativas nas parroquias e 19 encontros escolares- congregaron a 1.104 persoas. Os veciños presentaron 153 propostas nas que a Mobilidade e o Transporte (37%), os Equipamentos (25%) e os Servizos (20%) foron as temáticas máis abordadas. En menor medida, formuláronse tamén propostas sobre Territorio e Usos do chan (11%), Medio Ambiente (5%) e Patrimonio cultural (1%).

Desta forma, os asuntos principais que se trataron nas propostas foron os seguintes: dotación de parques e zona verdes, creación de centros de día, dotación de instalacións deportivas, conservación e posta en valor do patrimonio natural e histórico-cultural, facilidades para a mobilidade peonil –beirarrúas, camiños, senllas peonís, pasos elevados, etc.-, fomento e mellora do transporte colectivo –autobús e tren-, reordenación do tráfico, construción de infraestruturas ciclistas, rede de rede de sumidoiros e saneamento, xestión de residuos, conexión a Internet, limpeza e cambios na cualificación do chan.