A xornada realizarase mañá, sábado 16 de outubro de 10.00 a 14.00 horas, nas inmediacións do CEIP Portofaro -baixo a ponte da autoestrada-.
Na actividade tomarán parte a Policía Local e Protección Civil, así como Cruz Vermella.

As inmediacións do CEIP Portofaro -baixo a ponte da autoestrada- converteranse mañá, sábado 16 de outubro entre as 10.00 e as 14.00 horas, nunha auténtica xincana dirixida aos máis pequenos. Baixo o lema Compartindo seguridade, o Concello organizará unha xornada coa que busca inculcar aos nenos e nenas cuestións como a seguridade viaria e marítima, así como actuacións en situacións de emerxencia. Para lograr este obxectivo, a actividade, na que tomarán parte a Policía Local, Protección Civil e Cruz Vermella, contará cun circuíto de seguridade viaria e cunha yincana de seguridade marítima.

Por unha banda, a Policía Local mostrará aos participantes o seu material de traballo como, por exemplo, o coche policial, os cascos, escudos e defensas, entre outros. Así mesmo, os pequenos e pequenas aprenderán como se realiza unha proba de alcoholemia con distintos aparellos. Pola súa banda, Protección Civil montará un circuíto de seguridade viaria co que os nenos e nenas descubrirán o significado dos principais sinais de tráfico.

Polo outro, o voluntariado de Cruz Vermella realizará unha xincana dirixida a todos os públicos para afondar na importancia da seguridade marítima. As persoas participantes aprenderán máis sobre esta temática a través da realización das seguintes probas: coñece o teu barco, realización de nós básicos, conduta PAS -Protexer, Avisar e Socorrer- nunha embarcación, RCP básica e recollida de persoas na auga.