Favorecer a consolidación das empresas de Cambre e fomentar a actividade económica no municipio. Eses son os obxectivos do programa Consolida Cambre, co que o Concello mantén o seu apoio aos empresarios e emprendedores que desenvolven a súa actividade profesional no termo municipal.

A axuda económica individual máxima para cada beneficiario non poderá superar os 2.500 euros. Con esta prestación, pagarase a cota de RETA ou da mutualidade do colexio profesional dos 12 primeiros meses naturais desde o inicio da actividade empresarial.

En total, o Concello destinará 40.000 euros a esta convocatoria –ampliable ata os 50.000 euros-, que estará dirixida a persoas emprendedoras que se desen de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos –RETA- ou similares no ano 2017 e que, actualmente, sigan de alta. Para recibir esta axuda, os solicitantes deberán desenvolver a súa actividade empresarial no municipio. Así mesmo, para acceder a esta axuda, non poderán recibir subvencións do programa Cambre Emprende e terán que estar ao corrente coas súas obrigacións fiscais.

Con esta medida, o Concello de Cambre mantén a súa aposta por promover o desenvolvemento económico en todo o municipio e por apoiar aos emprendedores e emprendedoras do municipio. O prazo de presentación de solicitudes será desde o 26 de agosto ata o próximo 25 de setembro o 2019.

O concelleiro de Desenvolvemento Económico, Diego Alcantarilla Rei, incide na importancia desta nova liña de axudas, coa que se busca consolidar a actividade económica dos empresarios do municipio: “Emprender non é sinxelo, pero os primeiros anos de inicio da actividade empresarial son críticos, e moitas empresas acaban véndose obrigadas a pechar”, explica Alcantarilla Rei.