Decenas de veciños e veciñas do municipio achegáronse hoxe, mércores 2 de outubro, á caseta do Decidámolo Xuntos disposto na feira de Cambre. A través deste posto, os cambreses e cambresas puideron, non só realizar as súas achegas a este proceso participativo, senón tamén consultar calquera dúbida. O equipo de goberno arrincou o Decidámolo Xuntos no mes de setembro, e a través desta iniciativa, determinarase que proposicións incluiranse nos orzamentos do Concello de Cambre.

Con todo, os residentes do municipio aínda poden presentar as proposicións que consideren, tanto se van dirixidas a todo o concello, como a unha parroquia, barrio ou comunidade veciñal. Para facelo, existen varias opcións. Por unha banda, están a realizarse encontros presenciais nas parroquias coas asociacións veciñais para coñecer as principais demandas dos veciños. En canto á participación telemática, habilitouse un formulario na páxina web https://decidamoloxuntos.cambre.es/home. Así mesmo, pódese tomar parte no proceso participativo a través da app móbil Decidámolo Xuntos, descargable de forma gratuíta. Por último, enviouse unha carta e un formulario a todos os fogares do municipio, que se poderá entregar por calquera das seguintes canles: nas caixas de correos do Decidámolo Xuntos habilitados nos locais sociais de cada parroquia, en calquera dos tres rexistros municipais ou no correo electrónico decidamoloxuntos@cambre.org. As persoas interesadas teñen ata o 6 de outubro para participar neste proceso.

Posteriormente, todas as achegas pasarán a unha fase de avaliación a través do persoal técnico municipal, que comprobará a viabilidade das mesmas, realizando, ademais, unha análise económica. Todas as proposicións que se entendan viables e que superen o mínimo de puntuación segundo os criterios técnicos e económicos, pasarán a ser votadas polos cambreses e cambresas. As propostas que consigan máis apoio serán incluídas nos próximos orzamentos municipais.

Nesta edición, buscarase a implicación da comunidade escolar, polo que se realizarán diversos encontros cos equipos directivos dos centros educativos de Educación Primaria e de Secundaria para presentarlles o programa e impulsar as actividades educativas relacionadas coa participación cidadá e democrática.