Descubrindo Cambre. Roteiros de historia, arte e natureza ofrecerá o domingo, 15 de decembro, a súa última saída do ano: unha quedada ornitolóxica na Ría do Burgo-O Temple. O programa ten o obxectivo de dar a coñecer, a través de visitas guiadas, algúns dos recursos turísticos do municipio e das contornas naturais do territorio. Nesta ocasión, a iniciativa basearase en descubrir algunhas das aves que alberga o estudiario, considerado como un dos mellores lugares de Europa para avistar aves oceánicas, segundo os expertos.

Durante a actividade haberá dous educadores ambientais que, ademais de axudar a descubrir as diferentes aves, contarán con material óptico (telescopios e prismáticos), así como con guías ornitolóxicas para facilitar o recoñecemento das especies que avisten. Ese día, o punto de encontro será ás 10.00 horas na Casa das Palmeiras, O Graxal (O Temple). A duración aproximada da actividade é de dúas horas.

O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, venres 29 de novembro, e ata o próximo 12 de decembro. As prazas son limitadas (50 en total), polo que as persoas interesadas deberán apuntarse nos rexistros do Concello de Cambre ou presentando a solicitude cuberta e asinada na sede electrónica do Concello.

Tal e como explica o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Ramón Boga, Descubrindo Cambre “ suscitou un grande interese entre vos veciños e veciñas do municipio”. Tanto así, que as actividades que se foron organizando ao longo dos últimos meses cultivaron grandes cifras de participación. O concelleiro sinala que “xa se está traballando na programación do 2020 co fin de seguir ofrecendo este tipo de accións que axudan a coñecer ou noso municipio”.