Estes dous escritos foron elaborados por Sanal, a empresa encargada da desratización, desinfección e desinsectación, e por Luis Manuel Corral Andrade, perito xudicial experto en control de pragas.

 

O Concello de Cambre recibiu, nos últimos días, varios avisos de veciños e veciñas que foran afectados por picaduras de pulgas. Desde que se recibiron os primeiros avisos, o equipo de goberno coordinou unha serie de actuacións co fin de determinar os lugares de desenvolvemento das pulgas. Baralláronse tres localizacións: o campo de fútbol Dani Mallo, o Parque da Igrexa e o Paseo Fluvial do río Mero. Con todo, dous informes elaborados por Sanal –a empresa encargada da desratización, desinfección e desinsectación- e por Luis Manuel Corral Andrade, perito xudicial técnico en control de pragas, descartaron estes lugares como o foco dos insectos.

Ao principio, algúns veciños e veciñas situaron o foco no campo de fútbol Dani Mallo. Ata o lugar acudiron o rexedor e o concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, para falar co Sporting Cambre e cos conserxes da instalación municipal. Protección Civil e Sanal desprazáronse ata o lugar para realizar unha inspección do mesmo. Así, tal e como recolle o escrito presentado pola compañía, “revisouse en profundidade tanto a zona exterior como os locais interiores (vestiarios, salas de caldeiras, lavandería, etc)”. Outros avisos situaban o foco das pulgas na zona do Parque da Igrexa de Cambre. Ata alí desprazáronse, novamente, tanto Protección Civil como Sanal, determinando que a orixe tampouco se atopaba neste lugar. Por último, o Concello inspeccionou a zona do paseo fluvial do río Mero. Protección Civil e Sanal foron, ata en dúas ocasións, descartando a presenza de pulgas nesta zona.

No escrito presentado por Sanal explícase que se realizaron numerosas intervencións que “se centraron naquelas zonas que puidesen entrañar un maior risco de infestación en base ás informacións recibidas dos veciños e en función, así mesmo, do risco intrínseco do lugar no relativo á posible proliferación de pragas”. Este informe conclúe que non se observaron “indicios de actividade do insecto referido”.

Polo outro lado, o documento do perito xudicial reflicte que acudiu a estes tres lugares, onde se colocou un traxe branco especial para detectar a presenza deste tipo de insectos. Neste caso, o resultado foi igualmente negativo, “non vendo ningún individuo das posibles especies de pulgas”. No informe, o perito explica que a eclosión destes insectos pode deberse a “os días de calor de semanas atrás”.

O rexedor solicitou onte a colaboración da Consellería de Sanidade e de Augas de Galicia. Así mesmo, o equipo de goberno remitiu hoxe os dous informes elaborados por Sanal e polo perito xudicial a ambas as institucións.