O confinamento está a sacar o lado máis creativo e enxeñoso dos veciños e veciñas do municipio. Estes días están a xurdir unha infinidade de iniciativas cun claro obxectivo: facer que estas semanas de illamento sexan máis levadeiras. Unha das propostas máis orixinais chega, directamente, desde o IES Afonso X O Sabio. A vicedirectora e profesora de Música do instituto, Beatriz Alonso, contactou con todos os alumnos e alumnas do centro para propoñerlles un novo reto: aprender a tocar a canción Tusa, de Karol G, para interpretala, o 2 de abril ás 13.00 horas, desde as súas xanelas e balcóns.

Co obxectivo de que os mozos poidan aprenderse os acordes da canción á perfección, a docente enviou un titorial de Youtube aos mozos. No correo enviado, Beatriz Alonso anima a todos os estudantes a sacar as súas frautas ou a utilizar a súa propia voz para participar neste reto.

En canto á elección da data, tal e como explica a profesora, “o 2 de abril había un concerto intercentros non auditorio do Conservatorio da Coruña para coros escolares organizado polo propio instituto. Agora non podemos saír ás rúas e debemos quedar na casa, pero podemos utilizar a música para compartir, entre todos e todas, un momento de unión”, indica Alonso.