Como explicou o rexedor, “o transporte é competencia da Xunta de Galicia, pero a creación desta figura permitiría aos Concellos transmitir cales son as necesidades e os problemas reais da veciñanza para intentar buscar, entre todos, a mellor das solucións”

Crear un consorcio de transporte no que estean representados os municipios da área metropolitana e a Xunta de Galicia. O alcalde, Óscar García Patiño, confía nesta iniciativa para mellorar a mobilidade en toda a comarca: “nos últimos días falamos das carencias que existen na comarca en materia de mobilidade. Cremos que é o momento de actualizar o Plan Sectorial, do 2004, pero non todas as melloras teñen que pasar polo vehículo privado. Na Coruña, por exemplo, hai cada vez máis rúas peonís. Temos que quitar vehículos da cidade e, para iso, precisamos dun transporte metropolitano que funcione ben, que sexa áxil, sostible e económico para os usuarios e usuarias”, concluíu o rexedor. “O Concello de Cambre convocou onte aos alcaldes e alcaldesas para unha primeira reunión na que se expuxeron todas estas cuestións que nos preocupan a todos e todas. Agora, creo que é A Coruña quen ten que liderar este tipo de encontros nos que sigamos tratando temas importantes que nos afectan a todos”.

Como explicou o rexedor, “o transporte é competencia da Xunta de Galicia, pero a creación desta figura permitíanos aos Concellos transmitir cales son as necesidades e os problemas reais da veciñanza para tentar buscar, entre todos, a mellor das solución. É un tema que nos preocupa a todos os alcaldes e alcaldesas que onte tomamos parte na reunión”. En palabras de García Patiño, a constitución deste ente, que xa defendeu no seu momento a Marea Atlántica, podería ser o paso previo “á área metropolitana que, polo que vexo, nunca veremos. Se non imos chegar a esa fórmula, é preciso chegar a pasos intermedios. Falemos de transporte, falemos de mobilidade”.

Tren de proximidade

O alcalde sacou a colación, ademais, unha vella reivindicación xa manifestada en múltiples ocasións: o uso do tren para acceder á ciudada. Neste sentido, García Patiño lembrou que, actualmente, “as vías do tren están completamente infrautilizadas” e apuntou que a disposición dun tren de proximidade podería ser unha solución a moitos dos problemas de mobilidade que xurdiron na reunión de alcaldes e alcaldesas de onte.