O proxecto realizarase cun orzamento de 632.588 euros e financiarase a cargo do Plan Único da Deputación da Coruña.

O Concello avanza na construción das novas bancadas cubertas e vestiarios do campo de fútbol de Brexo Lema. As obras, que se financian con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña, foron adxudicadas por 632.588 euros. O alcalde, Óscar García Patiño, visitou o lugar das actuacións, que cualificou de “esenciais para seguir mellorando as instalacións e dependencias deportivas do municipio e dar resposta á crecente demanda por parte dos clubs e dos veciños e veciñas”.

As obras do Concello consistirán na construción dunha nova edificación de dúas plantas que albergará tanto as bancadas cubertas como os vestiarios. Esta dependencia estará situada nunha parcela anexa ao campo de fútbol de Os Pinares. No baixo situaranse as estancias dedicadas aos labores administrativos –a conserxería e o control de acceso-, así como as destinadas aos usuarios e usuarias como os vestiarios e a enfermería. Esta planta estará dividida en dúas partes por un túnel que dará acceso ao campo de fútbol. O piso superior estará dirixido ao público asistente, e nel, situaranse tanto as bancadas como a cafetería e os aseos. Así mesmo, este nivel acollerá un ximnasio, sala de reunións e prensa. Ambas as plantas estarán comunicadas a través dun ascensor que favorecerá, ademais, o acceso das persoas con mobilidade reducida.

O rexedor sinala que se trata “dun proxecto ambicioso que servirá para satisfacer as necesidades dúas propios deportistas que empregan esta dependencia e do público asistente que acode aos partidos”.

Melloras nos últimos anos

Nos últimos anos, o Concello executou numerosas melloras neste campo de fútbol. Entre elas, destaca a instalación de nova iluminación e de céspede artificial.