Este documento cumpre coa regra de gasto e representa o compromiso do Concello coa estabilidade orzamentaria.
A pesar da emerxencia sanitaria da covid-19, que supuxo a provisión de fondos para gastos extraordinarios e urxentes, o exercicio pechouse cunhas cifras positivas que deixan entrever a solvencia económica do Concello.
A concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan Lesta, sinalou que, aínda a pesar da pandemia e do confinamento domiciliario, a porcentaxe de execución do orzamento de 2020 é de preto do 70%.

O Concello aprobou, esta mañá, a conta xeral de 2020, un documento que lanza, un ano máis, unhas cifras económicas positivas. A pesar da irrupción da pandemia da covid-19, o Concello pechou o exercicio cun superávit de 1.415.240,23 euros e cunha capacidade de financiamento de 1.081.748,98 euros, dúas cifras que deixan entrever a solvencia financeira do Concello. Este documento económico representa a xestión e o compromiso do goberno local coa estabilidade orzamentaria sen, por iso, minguar as prestacións, os servizos e os investimentos para os veciños e veciñas do municipio.

A conta xeral reflicte a situación económico-patrimonial do Concello, o estado de fluxos de efectivo e o de liquidación dos orzamentos. Neste caso, confirmando a boa saúde das arcas municipais, o 2020 finalizou cun resultado orzamentario positivo de 1.415.240,13 euros -sendo o superávit medio por habitante de 57,54 euros- e cun remanente de tesourería de 8.014.837,7 euros. En canto á débeda, reduciuse en 16.689,02 euros con respecto ao exercicio de 2019 –sendo a débeda dese exercicio de 2.326.782,26-. A débeda de 2020 é de 2.283.093,24, moi por debaixo do que establece a lei. No 2020, houbo unhas obrigacións recoñecidas de 15.249.680,46 euros e uns dereitos recoñecidos de 16.690.948,59 euros.

O punto aprobouse co voto favorable de Unión x Cambre, PSOE e Ciudadanos e coa abstención do resto de partidos. O PP xustificou o seu voto indicando a falta de execución do orzamento de 2020. Pola súa banda, a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan Lesta, sinalou que a porcentaxe de execución era de preto do 70%, “unha cifra alta tendo en conta o confinamento domiciliario vivido nos primeiros meses do exercicio”.

Tras a aprobación da conta xeral, o Concello remitirá esta documentación ao Consello de Contas de Galicia e ao Tribunal de Contas.