100 mentiras, Wetsocks, David el cuerdas & K’Landrakers, Malasömbra, Wasted Wiltons y Jackie Brown serán as agrupacións que participen no festival os días 2 e 3 de agosto. 

 

O Concello de Cambre acaba de elixir as seis bandas locais que actuarán como teloneiros na XXVIII edición do Rock in Cambre. As agrupacións elixidas poderán mostrar o seu traballo aos centos de asistentes que acoden cada ano ao festival, que nesta ocasión se celebrará os días 2 e 3 de agosto. As instalacións municipais da Barcala convertéronse hoxe, mércores 17 de xullo, no punto de encontro da reunión do xurado na que se escolleron a un total de seis bandas: 100 mentiras, Wetsocks, David el cuerdas & K’Landrakers, Malasömbra, Wasted Wiltons e Jackie Brown. Así mesmo, o xurado elixiu tamén os grupos locais de reserva, que actuarán no caso de que algún dos premiados non poida. A orde da lista de grupos de reserva é o seguinte:

  1. Stonewolf
  2. Sin City Devils
  3. Replicantes
  4. Oymyakon
  5. El Club de Ray Charles
  6. 7 Puertas

Os elixidos participarán no Rock in Cambre 2019, e dispoñerán, aproximadamente, de 30 minutos para a súa actuación.

O xurado estivo composto por Luís Cao Mahía, veciño de Cambre, gaiteiro e integrante das bandas The Real Mckenzies e Bastards on Parade; por Nonito Pereira Rey, coordinador de revista Mundo Sonoro en Galicia e León e propietario da compañía discográfica Polirock, e, por último, por Carmen Rey Quintela, cantante, compositora, arreglista e mestra de canto moderno. Rey Quintela é, ademais, veciña de Cambre, e converteuse na primeira muller en forma parte deste xurado. Á reunión acudiu tamén a concelleira de Cultura, Mónica Varela Germade.

Tal e como indicou Varela Germade, “a decisión foi máis difícil este ano, xa que se presentaron moitos grupos cun gran nivel”. En total, foron 14 as agrupacións que optaron a converterse nos teloneiros do XXVIII Rock in Cambre.

Con esta iniciativa, o Concello busca impulsar e apoiar ás bandas locais, brindándolles a posibilidade de actuar no evento, que este ano se celebrará os días 2 e 3 de agosto.