Como explica a concelleira de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero, con estas xornadas búscase, ademais, “informar aos veciños e veciñas sobre os tratamentos específicos para combater a cada especie”.
As sesións terán lugar os días 24 e 25 de setembro na Casa da Cultura Vila Concepción e no salón de plenos da Casa Consistorial, respectivamente.
Co obxectivo de garantir a seguridade do público asistente, o executivo elaborou un protocolo con medidas e directrices que se aplica para ambos eventos.

O Concello organiza, en colaboración de Orto, dúas xornadas informativas sobre as pragas máis comúns en Cambre: o pulgón, a eiruga verde de boj, o picudo vermello das palmeiras e a psila africana dos cítricos. Como explica a concelleira de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero, con estas charlas búscase un dobre obxectivo: “por unha banda, queremos informar aos veciños e veciñas sobre os tratamentos específicos para combater a cada especie e, polo outro, fomentar a súa colaboración no control destas pragas”.

As xornadas informativas estarán impartidas por Mónica Maceiras Rioboó, enxeñeira técnica agrícola en Xardinería e Árbore Ornamental. A primeira terá lugar o xoves, 24 de setembro ás 19.00 horas, na Casa da Cultura Vila Concepción. Ao día seguinte, o 25 de setembro ás 19.00 horas, levarase a cabo unha segunda sesión no salón de plenos do Concello de Cambre. En función da demanda veciñal, estudarase a organización de novas convocatorias.

Protocolo COVID-19

Co obxectivo de garantir a seguridade do público, a Concellería de Medio Ambiente e Mobilidade elaborou un protocolo para a realización destes eventos. O documento especifica cuestións como o aforo das charlas, dun 30%, e varias medidas de prevención e seguridade.

Durante as xornadas, os asistentes deberán permanecer sentados en todo momento –non podendo mover as cadeiras dispostas nos recintos-, utilizarán unha solución hidroalcohólica e terán que levar posta a máscara. Así mesmo, entrarán dun nun nas salas e ninguén poderá acceder ao recinto ata que a persoa anterior estea xa acomodada. Ambas as estancias dispoñen de ventilación natural, polo que as xanelas estarán abertas en todo momento.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente para participar nas xornadas. Para facelo, poderán chamar ou enviar un WhatsApp ao teléfono 698 177 121 ou enviar un correo a medioambiente@cambre.org.