Esta prestación, en forma de bonos, permite aos veciños e veciñas con problemas de mobilidade a utilización de taxis para os seus desprazamentos cando non poidan usar o transporte público colectivo.

O goberno local levará ao pleno ordinario do próximo xoves, 25 de febreiro, a aprobación das bases e a convocatoria do bono taxi despois de que o Concello realizase algunhas modificacións. O goberno elevará esta cuestión a pleno despois dos cambios introducidos no Plan Estratéxico de Subvencións 2020 co obxectivo de paliar os efectos da emerxencia sanitaria.

Con esta axuda, que leva xa varios anos posta en marcha, o Concello busca axudar ás persoas con mobilidade reducida do municipio. O obxectivo desta medida, como explica a concelleira de Benestar Social, Lúa Sanguiñedo, “é axudar aos veciños e veciñas con diversidade funcional ou con dificultades de mobilidade para que realicen os seus desprazamentos cando non poidan empregar o transporte público colectivo”.

A través deste programa, os beneficiarios poderán utilizar estes vales para xestións administrativas -traslados a bancos, xestorías, acudir ao Concello, Seguridade Social, Facenda, Axencia Tributaria, etc.-, para visitas médicas, para actividades culturais, deportivas, educativas e de lecer, así como por outros motivos para valorar polos servizos sociais municipais.

A convocatoria de 2021 contará cun orzamento total de 15.000 euros, sendo 700 euros ao ano a cantidade máxima a percibir por cada usuario e usuarias. O prazo de solicitude estará aberto desde o 20 de abril ata o 7 de maio. Na última edición, foron 22 as persoas que solicitaron esta prestación.