O goberno solicitará ao IDAE unha subvención para financiar este proxecto. A intención do goberno é que o organismo poida sufragar o 80% do plan (1.480.620,73 euros), mentres que a contía restante procedería das arcas municipais.
Con esta medida, o goberno segue apostando por adoptar medidas que favorezan a eficiencia enerxética e a redución das emisións de CO2.

O goberno local segue apostando por medidas e proxectos que promovan o respecto polo medio ambiente. Baixo esta premisa, o Concello pretende destinar 1.850.775,91 euros para renovar a iluminación pública en Cambre, O Temple, A Barcala e no polígono industrial do Espírito Santo. O Concello solicitará ao IDAE –Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía- unha subvención para financiar esta obra. A intención do goberno é que o organismo poida sufragar o 80% da obra (1.480.620,73 euros), mentres que a contía restante procedería das arcas municipais (370.155,18 euros).

Con este investimento, o equipo de goberno buscará conseguir un dobre obxectivo: renovar a iluminación exterior en varios puntos do municipio e favorecer, non só unha maior eficiencia enerxética, senón tamén unha redución nas emisións de CO2. Así, o proxecto inclúe a substitución de 2.061 puntos de luz convencionais por outros con sistema LED. Esta tecnoloxía garantirá unha maior luminosidade e repercutirá, así mesmo, na economía municipal polo maior aforro que se consegue con este tipo de iluminación. Así, a estimación do Concello é conseguir un aforro aproximadamente un 60% no gasto anual de iluminación, o que implicaría un aforro un aforro de 300.000 euros.

Trátase dun proxecto coordinado polo concelleiro de Urbanismo e Obras, Juan González Leirós, e está a se realizar en colaboración coa concelleira de Servizos e Seguridade Cidadá, Elisa Pestonit, e coa concelleira de Mobilidade e Medio Ambiente, Patricia Parcero Quiñoy.

Con esta proposta, o goberno local segue apostando por acometer proxectos que redunden no beneficio a longo prazo e que sexan respectuosos co medio ambiente, permitindo, ademais, reducir as emisións de CO2 e mellorar a eficiencia enerxética no municipio.

O Concello de Cambre está adherido, desde febreiro do 2019, ao Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía. Por medio deste acordo, Cambre comprométese a reducir as emisións de CO2 e doutras emisións de gases invernadoiro nun 40% ata o 2030, así como a aumentar o seu resilencia mediante a adaptación ás repercusións do cambio climático.

Así mesmo, o pleno aprobou, no mes de xullo, unha moción para incorporar o seu patrimonio fluvial ao proxecto de Infraestrutura Verde da Xunta de Galicia. Este último proxecto reafirma, unha vez máis, o compromiso de Cambre co medio ambiente.