A rúa Río Sil loce xa unha imaxe completamente renovada. O Concello de Cambre acaba de finalizar o proxecto de pavimentación das beirarrúas que se realizou nesta rúa, sita na Barcala. O alcalde, Óscar García Patiño, o concelleiro de Urbanismo e Obras do Concello, Juan González Leirós, e o vicepresidente da comunidade de garaxes desprazáronse hoxe ata Río Sil para comprobar o resultado final das actuacións.

En concreto, as obras acometéronse na mazá M3, e realizáronse en dúas fases: nunha primeira, os veciños levaron a cabo os traballos de impermeabilización dos rochos situados no garaxe comunitario da planta soto, mentres que na segunda, o Concello encargouse da repavimentación das beirarrúas desta rúa.

O proxecto incluíu tamén a colocación de novos exemplares de árbores e a instalación de novo mobiliario urbano –papeleiras, bancos, luminarias, etc.-. O Concello completará a obra nos próximos días coa colocación doutros elementos de mobiliario urbano, coa instalación de novas varandas e co pintado de sinalización nalgúns puntos.

García Patiño sinalou a “ necesidade” destas obras, que “ supoñen unha importante mellora estética e, sobre todo, un incremento da seguridade viaria na zona”. Durante a visita a Río Sil, o rexedor e o responsable de Urbanismo e Obras mostraron a súa satisfacción polo resultado. Unha impresión coa que coincidiu o vicepresidente da comunidade de garaxes, que valorou, non só o resultado final das intervencións, senón tamén “a boa sintonía que houbo entre os veciños e o Concello ao longo de todo o proxecto”.

Máis prazas de aparcamento

En paralelo á repavimentación en Río Sil, o Concello incrementou tamén nesta rúa o número de prazas de estacionamento a través do proxecto de reordenación do aparcamento. Con esta intervención, creouse unha nova franxa para estacionar en batería, conseguindo duplicar os ocos para aparcar na zona.