En total, foron 19 as persoas que tomaron parte nas dúas especialidades do programa: 12 en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e sete Confección e publicación de páxinas web.

O Concello de Cambre despediu hoxe a unha nova promoción do seu taller de emprego PROXEDIS- PROWEB (PROfesionais en XEriatría e DIScapacidade- PROfesionais WEB). En total, foron 19 os alumnos-traballadores que completaron o programa formativo e que recibiron hoxe a certificación que o acredita: 12 na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e sete en Confección e publicación de páxinas web.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla, aproveitou a ocasión para desexarlles sorte na súa traxectoria profesional e para felicitalos polo esforzo dedicado durante o programa. Así mesmo, o responsable sinalou “a gran demanda laboral que teñen ambos os perfís profesionais no mercado laboral”. De feito, a inserción laboral media de todas as edicións destes talleres de emprego rolda o 90%.

Ante o éxito obtido, tanto nesta como noutras convocatorias, o Concello está a traballar xa na próxima edición do PROXEDIS- PROWEB. En total, a iniciativa ofrecerá 20 prazas divididas, de forma ecuánime, entre as dúas ramas de especialización: Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Confección e publicación de páxinas web. O Concello recibiu onte a comunicación do financiamento concedido por parte da Xunta de Galicia, que ascende a 346.946 euros.