O Concello de Cambre está a ultimar todos os detalles para a próxima apertura da nova biblioteca do municipio. A concelleira de Cultura, Mónica Varela, visitou hoxe as instalacións, no situadas e Cruceiro, para supervisar os avances do proxecto. Así, o obxectivo da visita foi comprobar o estado actual dos traballos, que están practicamente rematados. Tal e como indicou Varela, “o obxectivo é apurar os prazos de todas as tarefas para que os veciños e veciñas poidan gozar canto antes da nova dependencia”.

A nova biblioteca da Casa da Cultura dispón de máis de 500 metros cadrados, e ten dúas seccións –unha infantil e outra para adultos-, un espazo para bebeteca, espazo polivalente, almacén, baños, despacho, recepción, información e préstamo. O Concello está a traballar na recolocación e instalación do mobiliario e na colocación dos centos de exemplares dos que dispoñerá a biblioteca. As actuacións pendentes servirán para completar o proxecto, e acometeranse nos próximos días. Tal e como explicou a responsable de Cultura, “trátase dun dos proxectos estrela do Concello, e servirá para mellorará un servizo fundamental para os cambreses e cambresas”.

Á parte da biblioteca, a futura Casa da Cultura acollerá no futuro un auditorio con gran capacidade, arquivo e sala de exposicións.

 

FOTO CAMBRE-El Concello ultima los detalles para la próxima apertura de la nueva biblioteca de Cambre 2

A concelleira de Cultura, Mónica Varela, visitou hoxe as instalacións para supervisar o avance do proxecto