Apoiar a algúns dos sectores máis afectados pola crise da COVID-19. Ese é o obxectivo que o goberno local se marcou desde o inicio da pandemia. Agora, o executivo busca reafirmar este compromiso a través da suspensión temporal das taxas por ocupación da vía pública. O equipo de goberno propoñerá no pleno ordinario do próximo xoves, 26 de novembro, unha nova modificación de dúas ordenanzas fiscais para conseguilo.
A proposición afectaría a número 16 -para a ocupación de terreos de uso público con postos, barracas, espectáculos, atraccións ou recreo e por mesas e cadeiras con finalidade lucrativa- e á 23 -que regula a utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio publico con motivo da venda ambulante-.
O obxectivo, tal e como sinala a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, María Pan Lesta, “é contribuír, na medida do posible, a paliar os efectos que a emerxencia sanitaria provocou entre ambos os dous sectores”. Pan Lesta incide en que “esta medida faise aínda máis necesaria na situación actual, na que bares, cafeterías e restaurantes permanecen pechados debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia”.
O Concello aprobara, no mes de maio, a modificación destas dúas ordenanzas, eximindo ao sector hostaleiro e da venda ambulante a abonar estas taxas. Con todo, a proposta sería aplicable só ata o 31 de decembro. Agora, o goberno propoñerá prorrogala para que estes negocios non teñan que pagar a taxa durante o ano 2021.
Axudas para empresas do municipio
A suspensión temporal das taxas compleméntase con outras iniciativas que o goberno local puxo en marcha nos últimos meses. Entre elas, destacan as axudas a asociacións de empresarios do municipio e as do programa Consolida Cambre (coas que se subvencionará o 100% das tres últimas cotas de autónomos ou da mutualidad do colexio profesional correspondente pagas no ano 2019). Durante o período de solicitude, o Concello recibiu preto de 200 peticións por parte das compañías do municipio.
Así mesmo, aínda está aberto o prazo para demandar as axudas PEL-REACTIVA da Deputación provincial da Coruña. A través desta iniciativa, o Concello dispón de 428.043 euros dirixidos a axudar a microempresas e persoas autónomas de Cambre. Os interesados poderán tramitar a súa petición ata o 25 de novembro a través da sede electrónica.