Os locais ou comercios poden organizar concertos e espectáculos na parte exterior. Pola súa banda, o Concello encargarase de coordinar e difundir estes eventos.
Ata a data, adheríronse media decena de negocios e agárdase a incorporación de máis establecementos nos próximos días.
Os interesados en participar neste programa poden contactar coa Axencia de Desenvolvemento Local no teléfono 981 61 31 96 ou no correo electrónico adl@cambre.org.

O programa Son de bares do Concello de Cambre está a coller impulso. Cada vez son máis os establecementos interesados en adherirse a esta iniciativa, que servirá para dinamizar o tecido hostaleiro e comercial do municipio tras a crise do COVID-19. A través desta proposta, os locais poden organizar concertos e outros eventos artísticos ao aire libre. Pola súa banda, o Concello encárgase da difusión e coordinación destes espectáculos.

O concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla Rei, sinala o “éxito” que está a ter esta iniciativa entre o tecido comercial e hostaleiro de Cambre. Tanto é así, que desde que acabou o estado de alarma, realízanse un ou dous concertos de forma semanal. Ata a data, adheríronse xa media decena de negocios e a previsión é que os próximos días o Concello some novas incorporacións. Este domingo, 28 de xuño, Xamonería Rodil organizará a segunda sesión vermú da semana. A cita terá lugar entre as 14.00 e as 15.30 horas e contará coa actuación de Eric Hidalgo.

Tal e como sinalan o alcalde, Óscar García Patiño, e o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, “trátase dun proxecto novo co que pretendemos dinamizar a economía do concello, sobre todo agora, despois de que moitos negocios tivesen que pechar debido á crise sanitaria do COVID-19”. Alcantarilla Rei confía en que este programa poida ser “un bo aliciente para atraer a máis xente aos locais de hostalería e, en xeral, ao municipio”. O responsable de Desenvolvemento Socioeconómico insiste, iso si, na necesidade de cumprir coas “medidas hixiénicas e de prevención fixadas polos organismos sanitarios”. As persoas asistentes a estes concertos deberán estar sentadas e seguir, en todo momento, as indicacións e directrices dos propios establecementos.

Un traballo coordinado

Todas as actuacións do programa Son de bares teñen lugar en horario de sesión vermú –pola mañá ou pola tarde- e poden realizarse calquera día da semana. Nalgúns casos, será só un local o organizador do evento, mentres que noutros poderán selo os negocios ou comercios dunha rúa ou praza. O Concello asume os traballos de patrocinio e coordinación das actuacións co obxectivo de que non se solapen as datas e/ou as horas de espectáculos similares para que a oferta sexa o máis ampla posible e sen competencias innecesarias.

Os comercios e locais de hostalería interesados en adherirse a esta iniciativa poderán contactar coa Axencia de Desenvolvemento Local, impulsora desta iniciativa, no teléfono 981 61 31 96 ou no correo electrónico adl@cambre.org.