Unha cerimonia de entrega de diplomas puña esta mañá (venres 30/8/19) punto e final aos ‘Campamentos de verán 2019’ do Concello de Cambre. Trátase dunha actividade na que tomaron parte preto de 300 nenos e nenas repartidos en catro quendas. O CEIP Wenceslao Fernández Florez de Cambre acolleu as actividades destes campamentos urbanos que contaron con participantes entre 3 e 13 anos.

Os diplomas foron entregados polo concelleiro de Educación, Miguel Ángel Gutiérrez, a responsable de Servizos de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia María Parcero, e o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla. Alumnos e monitores festexaron o fin destas datas nas que compartiron xogos e aprendizaxe. Ao longo do campamento, os nenos e nenas realizaron actividades lúdico-deportivas e culturais.

Desde a concellaría de Educación, Miguel Ángel Gutiérrez mostraba a “satisfacción” polo éxito dos ‘Campamentos de verán 2019’. “Cremos que hai que seguir apostando por este tipo de actividades que fomentan a conciliación laboral e familiar. Hai que destacar o aumento na participación que tivemos nestes campamentos quizais debido á innovación dos servizos de almorzo e comedor”.

Os ‘Campamentos de verán 2019’ forman parte do Programa Concilia Cambre, que oferta de actividades de conciliación en períodos vacacionais. Con estas iniciativas, o Concello busca favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais e nais do municipio. As quendas dos ‘Campamentos de verán 2019’ foron as seguintes:

1. Do 1 ao 12 de xullo.

2. Do 15 ao 26 de xullo.

3. Do 29 de xullo ao 14 de agosto.

4. Do 19 ao 30 de agosto.

O seguinte campamento previsto será en épocas do Nadal coa lema ‘Xogando non Nadal’ e terá lugar durante as vacacións escolares de Nadal.