O rexedor destacou que estes profesionais “son parte da forza motora da comarca e se hoxe estamos aquí debémosllo, en gran medida, ao seu traballo e dedicación. Creo que é de xustiza que se lles compense como merecen”.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, estivo presente, esta mañá, nunha xornada histórica na comarca: o inicio do proxecto de rexeneración da ría do Burgo. No acto estiveron presentes a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira Rodríguez, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso e os rexedores de Culleredo e Oleiros. O rexedor celebrou o comezo destes traballos, solicitando, iso si, “garantías” para os preto de 80 mariscadores e mariscadoras que aínda non saben que organismo abonará as indemnizacións correspondentes polos 26 meses nos que terán que parar a súa actividade.

García Patiño destacou que o arranque destas obras é o resultado do entendemento entre as diferentes administracións: “creo que este é o camiño para facer realidade as demandas da cidadanía. Debemos seguir tendendo Pontes, construíndo en común e poñendo, por enriba de calquera outra cousa, o beneficio dos veciños e veciñas”. Máis aínda, incidiu o rexedor, cando se trata dun proxecto que terá un impacto positivo “tanto a nivel ambiental como económico e social, non só para Cambre, Culleredo e Oleiros, senón para toda a comarca”.

O alcalde sinalou a necesidade de manter “esta liña de consenso” á hora de abonar as indemnizacións aos profesionais que teñen a súa actividade no estuario: “eles e elas son parte da forza motora da nosa comarca e se hoxe estamos aquí debémosllo, en gran medida, ao seu traballo e dedicación. Creo que é de xustiza que se lles compense como merecen”.