A emerxencia sanitaria provocada pola covid-19 obrigou ao Concello de Cambre a suspender o programa de actividades presenciais polo Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo. O evento, que congrega anualmente a miles de persoas, celebraríase mañá, sábado 20 de febreiro. O alcalde, Óscar García Patiño, redactou unha carta dirixida aos veciños e veciñas pedíndolles que actúen “con cabeciña para que o vindeiro ano poidamos converternos, de novo, nun dos epicentros do Entroido da comarca”.
Como explica o rexedor na súa misiva, que se publica nas redes sociais e na web municipal, “os cambreses e cambresas levamos o Entroido no noso ADN”. Con todo, este ano vivirase “o Entroido máis pequeno da nosa historia, o máis íntimo e o máis seguro”. Neste sentido, García Patiño incide na necesidade de cumprir coas medidas de prevención e seguridade animando aos veciños e veciñas a “gozar do Entroido desde as vosas casas, rodeados das persoas coas que convivides e transmitindo o espírito do Entroido aos máis pequenos e pequenas da casa”.
Concurso de disfraces telemático
Co obxectivo de manter vivo o espírito do evento, organizouse un concurso telemático de disfraces aberto á participación dos veciños e veciñas de todas as idades. O Concello dará a coñecer mañá, sábado 20 de xaneiro, aos gañadores e gañadoras en cada categoría. Así mesmo, publicarase un vídeo recompilatorio con vídeos e fotos doutras edicións do Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo.