O alcalde mantivo unha reunión coa subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas López, co xefe da Demarcación de Estradas, Ángel González del Río, e coa directora da área de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairos.

O alcalde, Óscar García Patiño, confía en que a construción dunha nova rotonda provisional na saída da autoestrada no Temple poida aliviar o tráfico ocasionado polas obras de Sol y Mar. Precisamente, esa foi a proposta que o rexedor expuxo na reunión que mantivo coa subdelegada do Goberno, María Rivas López, co xefe da Demarcación de Estradas, Ángel González del Río e coa directora da área de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairos. Durante o encontro, García Patiño alcanzou o compromiso por parte da subdelegada e do xefe de Demarcación de Estradas de estudar esta proposta e de buscar unha solución para a situación actual.

Tal e como explicou o alcalde, desde o inicio do proxecto na N-VI, en Oleiros, O Temple, en xeral, e Costa da Tapia, en particular, están a sufrir importantes retencións de tráfico. Como posible solución, o rexedor expuxo realizar un ensaio habilitando unha glorieta provisional na saída da autoestrada. Esta infraestrutura permitiría, tal e como comentou García Patiño, probar a efectividade desta infraestrutura. Trátase, ademais, dunha solución provisional pola que tamén avogan desde o Concello de Culleredo, onde tamén están a experimentar numerosos atascos debido a estas obras. Para resolver esta problemática, o rexedor solicitou a colaboración da Subdelegación do Goberno e da Demarcación de Estradas, que acordaron solicitar máis datos e buscar unha solución.

O alcalde agradeceu “a boa sintonía e a disposición amosadas pola subdelegada e polo xefe da Demarcación de Estradas”. García Patiño confía en que, unha vez máis, “a colaboración entre distintos organismos sirva para solucionar esta situación e para mellorar o día a día dúas veciños e veciñas, tal e como se fixo coa construción da rotonda da Rocha”.