Desde o decreto do estado de alarma do pasado 14 de marzo, a Policía Local de Cambre atendeu a unha media de 150 casos ao día. Segundo os cálculos do corpo de seguridade, recíbense unha media de 100 chamadas cada día e dáse resposta a outros 50 durante o traballo da patrulla a pé de rúa. Como destacan desde a Policía Local, “practicamente todas as chamadas e consultas veciñais están relacionadas co estado de alarma polo coronavirus. A xente aínda ten moitas dúbidas”.

No día a día, a Policía Local acode aos centros de saúde do municipio –O Temple e Cambre-, aos supermercados, bancos e, en xeral, aos establecementos do concello que aínda permanecen abertos. Neste caso, o obxectivo dos corpos de seguridade é garantir que os veciños e veciñas cumpren coas medidas preventivas como respectar a distancia de seguridade nas colas das tendas de alimentación. Desde a Policía Local sinalan “que os cambreses e cambresas están moi concienciados”. Así, apenas se ve a persoas polas rúas, e as que saen, “adoitan ter un motivo que xustifique a súa saída. Estanse a cumprir moi ben as directrices marcadas polos diferentes organismos oficiais”, explican desde a Local.

Ata a data, a Policía tan só reprendeu a unha muller que paseaba xunto a outras dúas. Ante a presenza policial, o grupo separouse negando coñecerse entre si. Tras formularlles varias preguntas, os axentes descubriron que se trataba dunha nai, dunha filla e dunha amiga da filla. Unha delas negou, ademais, “ter coñecemento sobre o estado de alarma”. Neste caso, a Policía Local informou á subdelegación do Goberno, organismo responsable de impoñer a multa.

Desde a Policía Local sinalan que aínda “existen moitas dúbidas sobre o que se pode ou non se pode facer durante ou estado de alarma”. Neste punto, a Policía lembra aos veciños e veciñas que poden chamar ao teléfono 981 67 55 89 en caso de ter calquera dúbida. Así mesmo, poden contar coa Xunta de Galicia (012) e coa subdelegación do Goberno (981 989 000).