A Casa da Cultura Vila Concepción acolleu hoxe, mércores 14 de outubro, a Xunta de Seguridade Local na que se aprobou un protocolo de colaboración coa Garda Civil.
O alcalde, Óscar García Patiño, incidiu na importancia de que “siga existindo esta estreita colaboración entre estes corpos de seguridade co fin de facer cumprir as medidas xudiciais de protección das vítimas de violencia de xénero para garantir a máxima seguridade para estas mulleres e para os menores ao seu cargo”.

A Policía Local do Concello de Cambre continuará traballando na protección das vítimas de violencia de xénero. Así se ratificou na Xunta de Seguridade Local celebrada hoxe, mércores 14 de outubro, na Casa da Cultura Vila Concepción. Os gardas municipais asumen estes labores desde o 2010, cando se aprobou o Protocolo de Colaboración e Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os Corpos da Policía Local para a Protección das Vítimas de Violencia Doméstica e de Xénero. Con todo, un cambio na normativa obrigou a aprobar, de novo, este acordo de cooperación entre ambos os corpos de seguridade.

Á Xunta de Seguridade Local acudiron o alcalde, Óscar García Patiño, a subdelegada do Goberno en Galicia, Pilar López-Rioboo, a concelleira de Servizos e Seguridade Cidadá, Elisa Pestonit, e a vicesecretaria da delegación do Goberno, Eva Vázquez. Ao acto asistiron, ademais, a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, María Isabel Álvarez, o tenente e comandante do posto principal da Garda Civil de Cambre, Alberto Ceide, o inspector e xefe da unidade adscrita da Policía Autonómica da Coruña, Antonio Nieto, o oficial e xefe en funcións da Policía Local de Cambre, José Francisco Rodríguez, o oficial da Policía Local, José Antonio Amigo, e a secretaria da Xunta Local de Seguridade, Verónica María Otero.

O rexedor e a concelleira de Servizos e Seguridade Cidadá incidiron na importancia de que “siga existindo esta estreita colaboración entre a Garda Civil e á Policía Local co fin de facer cumprir as medidas xudiciais de protección das vítimas de violencia de xénero para garantir a máxima seguridade para estas mulleres e para os menores ao seu cargo”.

Na última década, e a través da súa adhesión a este protocolo, a Policía Local de Cambre atendeu a un total de 42 mulleres vítimas de violencia de xénero do municipio –seis delas no que vai de ano-. A aprobación deste documento supón que os gardas municipais continuarán colaborando, entre outras, nas seguintes actuacións:

  • Protección da vítima e dos menores ao seu cargo: entrevista personalizada, información sobre recursos e medidas de autoprotección, vixilancias periódicas do domicilio, lugar de traballo, comprobación periódica do cumprimento do agresor, etc.
  • Acompañamento da vítima ao centro sanitario, de acollida ou á residencia temporal, así como ás dependencias xudiciais ou policiais.
  • Comunicación con outras institucións.
  • Entrevistas personalizadas para revisar o risco-nivel de protección.

Nun primeiro momento, a Garda Civil encargarase da recepción de todas as denuncias, informando a Policía Local dos casos encomendados baixo a súa protección e trasladándolle a documentación necesaria. Nos categorizados como como “risco non apreciado”, “risco baixo” ou “risco medio” de vítimas residentes en Cambre, a asignación corresponderase coa Policía Local –salvo naqueles nos que se trate dunha menor de idade-.

Seguridade cidadá no municipio

A Xunta de Seguridade Local serviu, así mesmo, para analizar e valorar a situación de seguridade no municipio. Neste sentido, a Policía Local achegou os seguintes datos:

  • As dilixencias instruídas reducíronse nun 55,6% respecto ao 2019.
  • Os delitos contra o patrimonio baixaron nun 59,3% en comparación co ano anterior.
  • Os delitos contra a seguridade viaria tamén baixaron nun 50% con respecto a 2019.
  • As dilixencias informativas relacionadas coa violencia de xénero víronse reducidas nun 43,75% desde 2019.
  • A maiores, a Policía Local interpuxo 147 denuncias por incumprimento no uso da máscara.