O COVID-19 implicou cambios na programación estival de Cultura. Tanto é así, que a Concellería acaba de elaborar un protocolo de seguridade para organizar os eventos ao aire libre. A concelleira de Cultura, Mónica Varela, explica que “se seguirán facendo actividades para todas as idades, pero rexeranse por un protocolo que garanta a seguridade do público asistente”. Ademais do límite de aforo, o documento de seguridade do Concello inclúe, entre outras, as seguintes medidas: o público terá que estar sentado en todo momento e as cadeiras situaranse a certa distancia, deixando os espazos laterais amplos de entrada e saída. Así mesmo, as persoas asistentes deberán acceder con máscara e levala durante todo o evento.

Co obxectivo de lembrar aos veciños e veciñas a normativa e as recomendacións sanitarias para evitar contagios por COVID-19, o espazo do evento dispoñerá dun sistema de megafonía. A maiores, o Concello colocará paneis informativos nos que se especificarán estas directrices.

En todos os casos, o recinto abrirá 30 minutos antes do comezo do acto para facilitar a entrada graduada. O persoal municipal encargarase de acomodar aos asistentes nos seus asentos. Unha vez terminado o evento, o desaloxo levará a cabo atendendo ás indicacións dos traballadores e traballadoras municipais –que transmitirán a través do sistema de amplificación-. Para favorecer o tránsito de persoas, establecerase unha zona de entrada e outra de saída. O consumo de alimentos ou bebidas no espazo do evento estará prohibido.

Atendendo ás medidas hixiénicas dos organismos sanitarios, o Concello proporcionará xel desinfectante para os espectadores e desinfectará estes espazos –antes e despois do evento-.
A responsable de Cultura pide aos veciños e veciñas que sigan actuando con responsabilidade e que cumpran, en todo momento, as recomendacións dos organismos sanitarios: “é fundamental que levemos a máscara, manteñamos a distancia de seguridade e que nos lavemos as mans con frecuencia”.