O documento tería que aprobarse no pleno de onte. Con todo, un cambio de última hora no acordo por parte de Augas de Galicia obrigou ao rexedor para deixar o asunto sobre a mesa.
Para que puidese presentarse no próximo Consello da Xunta –o último do mandato-, os técnicos municipais tiveron que traballar, ao longo do día de onte, na elaboración dun novo documento que foi remitido a Augas para que dese o seu visto e prace. Todos os grupos da corporación municipal agradeceron “o esforzo extraordinario” dos traballadores.
Tras a celebración da sesión –que rematou ás 9.29 horas-, o Concello enviou a documentación ao organismo ás 10.41 horas.

Cambre celebrou hoxe, venres 3 de xullo, un pleno extraordinario no que se deu luz verde, por unanimidade dos grupos, ao novo convenio de colaboración entre o Concello e Augas de Galicia para o mantemento e conservación do río Mero. Unha vez se aprobe no Consello da Xunta, o alcalde, Óscar García Patiño, espera asinar o convenio a próxima semana: “o Concello puxo todo da súa parte para sacar adiante este convenio. Agora agardo a chamada de Augas de Galicia para a sinatura do mesmo, e estarei dispoñible 24 horas ao día para asinar cando e onde me indique”.

O documento tería que terse aprobado no pleno de onte. Con todo, un cambio de última hora por parte de Augas de Galicia obrigou ao alcalde, Óscar García Patiño, a deixar o asunto sobre a mesa. Minutos antes do pleno, García Patiño recibiu unha chamada de Augas de Galicia. Durante a conversación, o alcalde foi informado de que o organismo enviaría outra versión do convenio. O novo documento, recibido onte ás 12.33 horas, sufrira importantes modificacións con respecto ao anterior.

A situación remóntase a decembro de 2019, cando o Concello de Cambre aprobou un convenio de encomenda de xestión entre tres organismos: a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Augas de Galicia e o Concello de Cambre. Con todo, o 17 de xuño recibiuse unha segunda versión co “mesmo espírito do anterior convenio” pero no que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desaparecía da encomenda. O documento recibido onte incluía “unha serie de incongruencias”, eliminando a encomenda de xestión e pasando a ser un convenio de colaboración entre o Concello e Augas de Galicia. Con todo, tal e como se explicou durante a sesión, “o clausulado correspondíase cun convenio de encomenda de xestión”.

Os técnicos municipais traballaron, ao longo da tarde de onte, na redacción doutro convenio. Como a documentación tiña que ser remitida hoxe a Augas de Galicia para a súa aprobación no próximo Consello dla Xunta –o último do mandato-, utilizouse como base o convenio de colaboración asinado no 2018 entre o Concello e o organismo, entendendo que “recibira o beneplácito de ambas as partes no seu momento”. Os técnicos actualizaron algunhas das condicións –como, por exemplo, a vixencia do acordo de catro anos- e remitírono a Augas para a súa revisión. Despois de que a entidade fixese as súas modificacións, o documento foi levado ao pleno de hoxe e aprobado por unanimidade. Unha vez finalizado o pleno –que rematou ás 9.29 horas-, o Concello enviou a documentación a Augas de Galicia ás 10.41 horas. Durante a sesión plenaria, García Patiño incidiu en que o Concello “puxo todo da súa parte para seguir adiante con este convenio necesario para que ou paseo fluvial estea en boas condicións para vos veciños e veciñas do municipio”. O rexedor e o resto de grupos da corporación agradeceron “o esforzo extraordinario realizado polos técnicos municipais”, que tiveron que traballar durante toda a tarde para que o convenio puidese presentarse no pleno de hoxe.