Como parte do programa, están a abordarse as seguintes temáticas: certificación dixital e firma electrónica, canles de venda online, márketing dixital, estratexia empresarial e xestión de negocio, etc.

O Concello de Cambre viviu, hai uns días, o pistoletazo de saída de Cambre Dixital Empresas, un plan formativo co que se busca promover a dixitalización das compañías do municipio. Ata a data, hai medio centenar de compañías rexistradas na iniciativa, que se desenvolverá entre os meses de novembro e febreiro. O programa arrincou a semana pasada co módulo de Ferramentas de márketing online e continuará, desde hoxe, co de Uso estratéxico de redes sociais enfocado en vendas.

A maioría dos establecementos participantes pertencen ao sector do comercio, aínda que tamén hai representación do da hostalería, industria, construción, servizos persoais, informática e outros servizos.

Con esta medida, búscase alcanzar un obxectivo fundamental: axudar ás compañías para adaptarse ao novo contexto económico xerado pola COVID-19, axudándoas a mellorar a súa competitividade e a manter os seus persoais. Así o confirmou o concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla Rei, que reafirma o seu compromiso co tecido comercial e hostaleiro do municipio. Alcantarilla Rei define estes cursos como “unha oportunidade para que todas as empresas poidan adaptarse as novas tecnoloxías, tanto a nivel comercial como de xestión”. O concelleiro destacou, ademais, as subvencións que o Concello concedeu ás asociacións de empresarios, así como as axudas do programa Consolida Cambre.

Titorías individualizadas

En total, o Concello ofrece preto de 40 horas de formación telemática dirixidas a empresarios, emprendedores e traballadores das compañías afincadas no municipio. O plan desenvolverase en dous bloques temáticos e contará, ademais, con seis charlas -pílulas informativas-. Con todo, máis aló da formación teórica, un dos principais atractivos deste proxecto é, precisamente, a posibilidade de que o alumnado acceda a titorías individualizadas. Así, unha vez finalice cada un dos bloques, as persoas participantes terán a posibilidade de formular dúbidas sobre os contidos teóricos, así como a aplicación ao seu modelo de negocio.

Como parte do primeiro bloque -Comercialización e venda online-, ademais dos dous primeiros módulos, levarase a cabo un terceiro sobre a seguinte temática:

  • Análise do impacto das campañas de promoción comercial na internet: 30 de novembro, 2 e 3 de decembro.

Neste caso, as titorías individualizadas realizaranse entre o 26 de novembro e o 11 de decembro.

O segundo bloque -Transformación dixital da empresa-, abordará as seguintes temáticas:

  • Xestión do cambio e transformación dixital: 18 e 21 de xaneiro.
  • Certificado dixital e firma electrónica: 25 e 28 de xaneiro.
  • A Administración electrónica: 1 e 4 de febreiro.

Neste caso, as titorías individualizadas terán lugar entre o 8 de xaneiro e o 5 de febreiro.

As persoas interesadas poderán recibir máis información a través do correo electrónico adl@cambre.org e do teléfono 981 61 31 96. As inscricións poderán tramitarse na web municipal –onde se habilitará unha sección sobre Cambre Dixital Empresas-.