O presidente da Asociación Veciñal do Temple, Marcial Bajo, xunto cos edis Dani Carballada, Loly García e Brais Cubeiro, presentaron onte a iniciativa.

Até este ano a cabalgata de reis saía do Temple abandonando a parroquia máis poboada do concello en dirección á capital municipal, onde tiña lugar a recepción real e posterior festa cos magos de oriente. Así, a media tarde, os reis marchaban e o Temple quedaba desanxelado, polo que nos últimos anos comerciantes e veciños do Temple impulsaron, coa axuda municipal, unha festa posterior ao paso da cabalgata no polideportivo do Graxal. Este ano diversas dificultades impedían aos empresarios da zona realizar a actividade no mesmo formato que en edicións anteriores, polo que se dirixiron ao Concello pedindo que se fixese cargo da organización da iniciativa para que esta non morrese.

O concelleiro de Cultura, Dani Carballada, mostoruse favorábel a “oficializar e impulsar a presenza dos reis magos no Temple e ao tempo aproveitar para correxir erros, disfuncións e problemas detectados en anos anteriores”. Asi, onte anunciou que este ano “as carrozas dos reis magos, o apalpador e toda a comitiva sairá das inmediacións do colexio Portofaro para realizar un completo percorrido por toda a parroquia do Temple rematando no polideportivo do Graxal. Alí os magos e os seus paxes abandonaran as carrozas e farán unha entrada artística no recinto deportivo onde se disporán os tronos reais, alfombras, ornamentación, ambientación musical e algunha outra sorpresa. As crianzas do Temple terán todo o tempo do mundo para facer entrega das súas cartas e peticións aos reis, que serán os mesmos que baixan das carrozas, cuestión esta moi importante, que agora se subsana”. Avanzou que “aínda está en marcha o proceso de contratación, para que esta actuación municipal deixe de realizarse en precario como até agora. Será un contrato por dous anos cun importe máximo de 62000 €”.

Carballada indicou que “recollemos o traballo realizado polos comerciantes en anos anteriores e damos resposta as súas lexitimas demandas e peticións para, traballando man a man coa asociación veciñal, realizar unha cabalgata que dea resposta á demanda e á expectativa que se xera no noso principal núcleo de poboación. A cabalgata, a recepción e a festa posterior serán o colofón a unha programación de nadal que busca xerar e facer máis vida e cohesión no Temple ao tempo que se promociona e afortala ao seu tecido comercial e económico. Non vai haber excusas para moverse do Temple no día de reis”.

Precisou que “os esforzos e os recursos que se van investir no Temple serán exactamente os mesmos que se van empregar en Cambre, que poderá desfrutar ademáis dunha cabalgata e recepción real menos masificada que até o de agora, xa que se estaba a xerar aglomeracións nas inmediacións do polideportivo Sofía Toro que podían ser potencialmente preocupantes”. Indicou ademáis que “coa iniciativa, duplicamos o número de prazas para que nenos e nenas poidan facer de paxes nas carrozas, cuestión para a que sempre hai unha grande demanda”.

A concelleira do Movemento Asociativo, Loly García, indicou: “actúase recollendo as ideas e opinións do tecido asociativo do Temple, aprendendo dos erros e acertos de anos anteriores e realizando un esforzo económico, loxístico e humano moi importante”. A edil anunciou que “conxuntamente doa asociación veciñal imos realizar unha grande chocolatada nos exteriores do polideportivo. Agardamos que o tempo acompañe para desfrutar dunha tarde máxica”. O concelleiro Brais Cubeiro, responsábel da área de Deportes, que pon a disposición o polideportivo do Graxal para a recepción e festa cos reis indicou que “posibelmente este sexa o último evento masivo que se faga no polideportivo antes da renovación integral do seu perímetro, que conlevará tamén melloras na propia infraestrutura e que o fará máis cómodo, accesibel e atractivo para eventos que exceden o ámbito deportivo e teñen unha clara función social”.

O presidente da asociación veciñal do Temple, Marcial Bajo mostrou “satisfacción pola iniciativa, que se resume moi ben no lema da campaña informativa “os reis veñen para quedarse”, para quedarse no Temple e facer unha recepción real potente e para que este proxecto se quede entre nós para vindeiros anos, que veña tamén para quedarse no Temple, que non sexa flor dun día”. O representante do movimento veciñal indicou que “este traballo vai na liña do camiño que hai que andar, para construír paso a paso, un Temple máis humano, dinámico e integrador. Imos colaborar entusiastamente para que sexa un éxito”. Os edis quixeron xustamente “agradecer á asociación veciñal, na persoa de Marcial Bajo, a colaboración e o esforzo constante en sacar inciativas como esta adiante”.