Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

« Voltar aos resultados

29 de Marzo, 2017

Cambre formaliza as súas alegacións ao proxecto construtivo da Vía Ártabra

Entre as obxecións ao viario, que enlazará a N-VI coa AP-9 pola Gándara, destaca que o proxecto construtivo non se axusta ao Plan Sectorial aprobado en 2004

Cambre, 29 de marzo de 2017. O Concello de Cambre vén de presentar as súas alegacións ao proxecto construtivo da Vía Ártabra, que espera sexan consideradas pola Consellería de Infraestruturas. De non ser así o Concello chegará ata as máis altas estancias legais para defender os dereitos dos veciños e veciñas de Cambre. 

Entre as obxeccións á obra do viario, que enlazará a N-VI coa AP-9 pola Gándara, destaca que o proxecto construtivo non se axusta ao Plan Sectorial aprobado en 2004 polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, nin tampouco ao trazado aprobado no seu momento polo pleno de Cambre en 2006. Neste caso, o Plan sectorial prevía un viario VR-80 e C-80 e no proxecto actual contémplase un de tipo Vía Rápida 100. Ademais, no Plan Sectorial  o nó de ligazón situábase en Catro Camiños (Cecebre) e libre de peaxe, e, en cambio, agora proxéctase na Gándara. A proposta actual elimina a entrada e saída á AP-9 cara a Santiago que actualmente está en Catro Camiños.

Por outra banda, o proxecto non conta coa autorización previa do Ministerio de Fomento. Curiosamente é o ente que ten a titularidade dos dous viarios que se pretenden conectar. A propia conselleira asegura que o entronque non terá peaxe, pero a Xunta de Galicia non pode certificar algo que non é da súa competencia. E, aínda máis grave, publícase un documento que a lei di textualmente que debe contar coa autorización previa e pertinente de Fomento.

Asemade, o proxecto de trazado aprobado en 2009 debería contar coa presentación de tres trazados alternativos, ou solucións, tal e como esixe a lexislación, con todo, só se presentou un único trazado. Esta situación foi alegada no seu momento polo Concello de Cambre en 2009 nun recurso de reposición que xamais foi contestado.

No prego de contratación do proxecto construtivo establécese nunha das cláusulas a obrigación de contar coa participación dos concellos afectados (Cambre, Sada e Oleiros) para a redacción do mesmo. A día de hoxe ninguén se puxo en contacto coas tres administracións locais.

Outra alegación fai referencia a continuidade do viario cara  a A6. A Consellería non ten intención de continuar a Vía Ártabra á A-6, segundo as informacións do portavoz do Partido Popuar no Concello de Cambre. Por este motivo remitíuselle á Consellería de Infraestruturas unha carta certificada para que verificase a información vertida polo edil popular.

O trazado do actual proxecto afecta directamente a un humidal protexido pola Normas Subsidiarias de Cambre, incluso a Consellería de Medio Ambiente xa advertiu no seu momento da transcendencia deste problema, esixíndolle a Infraestruturas que antes de levar a exposición pública o proxecto tivese os informes oportunos deste departamento.

O actual proxecto contempla un custo de 24 millóns de euros e podería reducirse en 12 millóns de euros, segundo un informe dos enxeñeiros e arquitectos municipais, que expoñen que o nó na Gándara ten un custo de aproximadamente 12 millóns (8 millóns polo entroncamento ata A Gándara e 4 polos viarios adxacentes que se proxectan na actuación. Con todo, se a previsión é continuar ata a A-6, tal e como está aprobado, deberíase facer outra conexión en Cecebre, polo que entenden como máis viable a ligazón en Catro Camiños que reduciría á metade a obra.

O trazado actual elévase por encima do Pazo dos Vales uns dez metros de altura cando no proxecto limitábase a pasar a nivel, unha situación que afectaría a un edificio protexido por Patrimonio.

Outra alegación refírese a afección na zona do Cobelo. Preto de 40 vivendas de Cobelo, (Pravio), no Camiño Real quedarían sepultadas polo viario de alta velocidade.

O Concello de Cambre presentou nestas alegacións cinco solucións de entroncamento en Catro Camiños con diferentes afeccións, a varios niveis, que espera que sexan estudadas pola Consellería. É posible resolver o nó en Catro Camiños.

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal