Bandera de GaliciaBandera Española

Actividades Novas por E-mail Facebook Twitter Galerias

« Voltar aos resultados

09 de Maio, 2017

Óscar García Patiño e María Jesús Gómez na presentación de Anainar

Cambre presenta o proxecto ANAINAR

Trátase do único concello de España de máis de 20.000 habitantes que logrou esta subvención de 17.500 euros.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e a edil de Servizos Sociais, Igualdade e Educación, María Jesús Gómez, presentaron hoxe o proxecto Anainar de actuación integral de igualdade no Concello de Cambre 2017 co financiamento do Instituto da Muller e para a igualdade de oportunidades (Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade), Fondo Social Europeo e a Federación Española de Municipios e Provincias.

Trátase do único concello de España de máis de 20.000 habitantes que logrou esta subvención de 17.500 euros. "Damos un paso máis nas actuacións de igualdade. Ata agora realizamos accións nos centros educativos dirixidas a concienciar sobre as problemáticas de xénero, e agora executamos accións dirixidas a mulleres en situación de vulnerabilidade que lles axude a atopar emprego, formarse e a adquirir habilidades sociais", apunta o alcalde.

Pola súa banda, a edil de Igualdade destacou que a elección da FEMP e do Instituto da Muller reflicten o bo traballo levado a cabo por todos os técnicos do seu departamento. Anainar é un conxunto de accións dirixidas a fomentar a transversalidade do enfoque de xénero na planificación e desenvolvemento das políticas locais, con especial incidencia nos plans de emprego e a realización e implementación de plans en materia de conciliación e corresponsabilidade de mulleres e homes na vida persoal, familiar e profesional no ámbito local, así como iniciativas que promovan o liderado feminino e as prácticas empresariais "familiarmente responsables".

O proxecto Anainar consta de 5 eixos fundamentais de actuación: Transversalidade do enfoque de xénero na planificación local e planificación estratéxica, mentoring, accións de liderado feminino, iniciativas familiarmente responsables en entidades locais, sociais e empresas, e coeducación en centros educativos e sensibilización social.

Entre as actividades para desenvolver destacan: a elaboración do segundo Plan Municipal de Igualdade, Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2020, o desenvolvemento de tres cursos de formación (Artesanía de trapillo, cociña tradicional e repostería, taller psicolóxico de preparación para inserción sociolaboral) destinado a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, a obtención do carné de conducir para 10 mulleres nesta mesma situación, o desenvolvemento dun taller de habilidades directivas para mulleres, a inserción de cláusulas sociais nos pregos de contratación do Concello para favorecer a igualdade e a conciliación nas convocatorias públicas, a elaboración dun estudo de medidas que favorezan a igualdade no tecido empresarial de Cambre, a posta en marcha dun servizo de asesoramento en igualdade e conciliación para empresas de Cambre, a creación dunha rede de empresas familiarmente responsables e as actividades de coeducación nos centros escolares.

Entrevistáronse a un centenar de mulleres usuarias de Servizos e Sociais, e seleccionáronse a 40 mulleres para participar no taller psicolóxico de preparación para inserción sociolaboral, das cales 30 irán aos cursos de artesanía e cociña. Ademais, 10 mulleres foron seleccionadas para a obtención do carné de conducir e outras 10 para o taller de habilidades directivas.

 

Arquivos:
Anainar.pdf

Concello de Cambre - Adro, 1 - 15660 Cambre (A Coruña)
Telf. 981 613 128 - Fax 981 675 969 - Email info@cambre.org

Mapa webAviso legal