Cambre, 13 de decembro de 2017. O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, desprazouse hoxe ata a Deputación Provincial para asinar o convenio de colaboración co deputado de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico Xosé Regueira Varela, sobre  a romaría castrexo romana Galaicoi que este ano cumpriu a súa segunda edición.

Deste xeito, a Deputación da Coruña axuda, promove e colabora cunha achega de 35.000 euros unha festa que naceu para poñer en valor o patrimonio histórico cambrés: o seu castro, e o seu xacemento romano.

A festa que este ano congregou a milleiros de visitantes estase a converter nun referente na recreación histórica na bisbarra. García Patiño agradeceu o compromiso da Deputación coa defensa e posta en valor do patrimonio galego e cambrés. “Quero agradecer a Deputación o seu compromiso coa festa Galaicoi que cada ano atrae a máis visitantes e que amosa a riqueza da pegada castrexa e romana no municipio”.

Pola súa banda, Regueira lembrou que cumpre deste xeito co seu compromiso de axudar a celebración deste evento que permite recuperar o patrimonio cultural de todos os coruñeses e por suposto da historia deste pobo.