Cambre abriu hoxe a convocatoria para elaborar unha listaxe de asociacións para a confección dos seus sitios web.
As entidades interesadas poderán presentar a súa solicitude nos rexistros ou na sede electrónica do Concello ata o 24 de febreiro.

O Concello de Cambre iniciou, no mes de outubro, unha nova edición do taller de emprego PROXEDIS- PROWEB –PROfesionais en XEriatría e DIScapacidade e PROfesionais en deseño WEB-. Despois de catro meses, os oito alumnos-traballadores da especialidade de Confección e publicación de páxinas web terán ocasión de poñer en práctica os seus coñecementos elaborando páxinas web para as asociacións de Cambre. O Concello abriu hoxe a convocatoria para elaborar unha listaxe de asociacións para a confección dos seus sitios web por parte do alumnado-traballador do taller.

Esta nova iniciativa ten un dobre obxectivo. Por unha banda, brindarlle ao alumnado-traballador a oportunidade de poñer en práctica todo o aprendido durante o programa formativo. Polo outro, mellorar as canles de comunicación das entidades e asociacións de distintos ámbitos (cultural, deportivo, veciñal, etc.).

O prazo de inscrición estará aberto ata o 24 de febreiro. Os interesados en optar a esta convocatoria deberán presentar a súa solicitude en calquera dos rexistros ou a través da sede electrónica do Concello.

En canto aos requisitos, poderán optar a esta convocatoria as persoas xurídicas -asociacións ou entidades sen ánimo de lucro existentes no termo municipal-, xuridicamente constituídas e rexistradas no Rexistro de asociacións veciñais do Concello de Cambre.