Cambre,  9 de marzo de 2018.  As xogadoras de  CBS Cambre participan por segundo ano consecutivo na máxima competición de  softbol feminino en España.

A “Piña Amarela” viaxará este fin de semana a terras valencianas para xogar a primeira xornada da liga de División de Honra de  Softbol feminino. O equipo, que está formado ao completo por canteira galega, afronta esta competición con moita ilusión e cun gran traballo técnico detrás.

O domingo a partir das 11:00 h enfrontaranse ao  CBS Facho Valencia, un dos 10 mellores equipos do país, en dous partidos consecutivos. O enfrontamento reunirá ao 9º e 10º clasificado da tempada pasada no Campo Municipal de  Béisbol- Softbol de Valencia.

Ademais, esta tempada os afeccionados do  Softbol da nosa cidade poderán gozar dos partidos que xogarán como local o  CBS Cambre, grazas ao campo “renovado” de  béisbol e  softbol situado en Acea da  Ma, Culleredo.