Cambre, 28 de setembro de 2017.  O Centro de saúde do Temple contará a partir do próximo 2 de outubro do servizo de Fisioterapia que operará con dous profesionais para dar servizo a todo o municipio. Desde o vindeiro luns en horario de 8 a 15 ofrecerase este servizo esencial á cidadanía no ambulatorio da rúa Francisco Añón.

O xerente de atención primaria da Coruña, Luís Verde, confirmou ao propio alcalde a implantación do prometido servizo e asegurou que é coñecedor da demanda do servizo de pediatría en quenda de tarde.

Segundo o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, os veciños do Temple levan demandando este servizo desde a posta en marcha do novo ambulatorio. “Estamos agradecidos de que por fin se poña a funcionar este servizo, pero non perdemos de vista a necesaria ampliación do servizo de pediatría, sobre todo en quenda de tarde. O Temple é a parroquia máis poboada do municipio con máis de 8.000 veciños cuxa media de idade é as máis novas da comarca”.

Sostén que seguirá loitando por esta demanda e espera que o Sergas sexa receptivo ante a gran demanda de pediatras na zona.