Como explica o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, “agora mesmo, o benestar e a saúde dos veciños e veciñas é a nosa máxima prioridade”.

O Complexo Deportivo da Barcala e as piscinas do Balado e Castros do Bosque reabrirán o vindeiro luns, 6 de xullo. As tres instalacións volverán funcionar seguindo un estrito protocolo –elaborado pola concesionaria do Complexo- para garantir a seguridade tanto das persoas usuarias como do persoal traballador. Tal e como explica o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo, “agora mesmo, o benestar e a saúde dos veciños e veciñas do municipio é a nosa máxima prioridade. Pregamos aos cambreses e cambresas que extremen as precaucións, o virus segue estando aí e é preciso que se cumpran, en todo momento, as indicacións das persoas responsables destas dependencias”.

Por unha banda, o Complexo Deportivo da Barcala establece un aforo máximo do 75% -en total, poderán estar na instalación de forma simultánea 50 persoas-. Co fin de cumprir coa distancia interpersoal de seguridade –de, polo menos, 1,5 metros-, recolocáronse as máquinas na zona do ximnasio. Os usuarios e usuarias deberán levar dúas toallas tanto para usar no ximnasio como para acceder ás actividades dirixidas: unha delas terán que empregala para limpar as superficies coas que entraron en contacto e a outra para a súa hixiene persoal. Nas zonas comúns, o uso da máscara será obrigatorio. Desde o luns, o Complexo Deportivo estará aberto de luns a venres de 8.30 a 13.30 e de 18.30 a 22.30 horas. Os sábados funcionará de 10.00 a 14.00 horas. Así mesmo, a instalación contará cun horario preferente para maiores de 60 anos de 8.30 a 10.30 e de 18.30 a 20.00 horas. O 13 de xullo retomaranse as actividades dirixidas.

En canto aos vestiarios, o protocolo do Concello desaconsella o seu uso –excepto naqueles casos de necesidade-, e especifica que só poderán estar 35 persoas nestes espazos de forma simultánea. Utilizando un código de cores, indicarase aos usuarios e usuarias onde deberán deixar as súas pertenzas (marcado a través dun punto vermello) e onde poderán sentar (sinalizado cun punto verde). Será obrigatorio deixar os bancos e perchas libres, gardando todas as propiedades nas taquillas. Os deportistas que accedan a esta área terán que levar, en todo momento, as máscaras.

Doutra banda, o uso da máscara non será obrigatorio nas piscinas de O Balado e Castros do Bosque,  pero si será necesario o mantemento da distancia interpersoal de seguridade. Os e as bañistas que o necesiten poderán solicitar ao socorrista o préstamo de material auxiliar. Unha vez que terminen, deberán depositalo nas zonas indicadas para a súa posterior desinfección.

A piscina do Balado estará aberta en horario de 15.30 a 20.00 horas e funcionará con todos os servizos operativos fóra da sauna que, temporalmente, non estará dispoñible.