Trátase dunha actuación de emerxencia para emendar a deterioración nesta estrada pola que, habitualmente, transcorren gran cantidade de vehículos pesados.

O Concello iniciará, nos próximos días, unha actuación de emerxencia na rúa Lourenciño. O obxectivo non é outro que resolver o estado de deterioración da vía pola que, habitualmente, transcorren gran cantidade de vehículos pesados. Despois de que os técnicos municipais e os de ADIF –a quen pertence a vía- realizasen varias análises do estado da vía, o Concello decidiu cortar o tráfico rodado neste camiño, quedando habilitado só para o paso para residentes.

A deterioración da vía comezou cunhas pequenas fochancas nos bordos pegados ao noiro que limita coa vía do tren e co acceso a unha vivenda. Con todo, e aínda que este problema se solucionou co recheo con aglomerado en frío, a estrutura da estrada estaba a ceder, existindo o risco de que se producise un desprendemento do noiro ao paso dun camión.

Co fin de resolver esta situación, as intervencións incluirán a realización dun fincado de carrís de tren para o noiro que se atopa pegado á vía. Desta forma, poderase traballar sen afectar o tráfico viario. Así mesmo, modificarase o perfil lonxitudinal, rebaixando a altura do vial 1,5 metros sobre a cota actual e cambiando o acceso a dúas vivendas situadas nos extremos da zona de actuación. Unha vez concluídas estes labores, repoñerase o firme con chan estabilizado, saburra artificial e MBC. Doutra banda, no noiro localizado xunto ás casas retirarase o muro actual –que presenta danos- e repoñerase e reforzarase esta construción.

A execución destes traballos terá un custo de 105.000 euros. Estas obras levaranse a cabo nun pequeno tramo da rúa Lourenciño, pero a previsión do goberno local é acondicionar e reforzar o resto do vial en próximas intervencións.