Como explica a concelleira de Cultura, Mónica Varela, “nestes momentos, a seguridade dos veciños e veciñas é máis importante que nunca e, por iso, preferimos non levar a cabo estes dous eventos, que moven, ano tras ano, a centos de persoas ao municipio”.

A celebración da XXIX edición do Rock in Cambre e o IV Temple Jazz terán que esperar, polo menos, ata o próximo ano. Así o confirma a concelleira de Cultura do Concello de Cambre, Mónica Varela, que toma esta decisión debido á emerxencia sanitaria actual: “nestes momentos, a seguridade dos veciños e veciñas é máis importante que nunca e, por iso, preferimos non levar a cabo estes dous eventos, que moven, ano tras ano, a centos de persoas ao municipio”.

Por unha banda, o Temple Jazz celebraríase na segunda semana de xullo. O evento, creado no 2017, acumula xa tres anos de historia e congrega, ao longo de varios días, a algúns dos grupos e artistas de referencia deste estilo musical. Como parte da programación do ano pasado realizouse a exposición Round about Filloa –amenizada polos músicos Marcelo Peralta & Baldo Martínez-, e contou, ademais, coas actuacións de Tiago Baptista & Antón Iglesias 4 tet, Paul Álvarez, Ejazz e Nani García Big Band.

Polo outro, será a primeira vez en practicamente tres décadas na que Cambre non se converterá no epicentro do rock and roll. Este ano, o COVID-19 impedirá tamén a celebración da XXIX edición do Rock in Cambre, un dos festivais máis lonxevos, non só da comarca senón tamén da provincia. Ao longo do seu case trinta edicións, grupos comoFito, Los Enemigos, Loquillo, Barón Rojo, Rosendo, Mago de Öz, Siniestro Total, Los Suaves, Barricada, Burning, Deluxe, Heredeiros da Crus, Killer Barbies, Gatillazo, Defcondos, Marky Ramone, Banda Bassotti, Hamlet, Los Diplomáticos, El Drogas, Soziedad Alkoholika, The Real Mckenzies, Terbutalina, Carlos Tarque, Ilegales, Dios ke te crew, etc. subíronse ao escenario do festival.

Segundo indica a concelleira de Cultura, “xa se está a traballar con toda a ilusión nas vindeiras edicións destes eventos”.