Como explica a concelleira de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero, estas dúas expedicións “converten en realidade un compromiso acadado coa comunidade educativa do instituto”.
Unha delas unirá A Coruña cos núcleos máis poboados do municipio, como O Temple, A Barcala e Cambre, mentres que a outra conectará o centro de ensino con varias parroquias do municipio.

Os veciños e veciñas de Cambre estrearon, o pasado 23 de decembro, as novas liñas de transporte metropolitano implantadas pola Xunta de Galicia tras as alegacións presentadas polo Concello. Unha das novidades máis importantes do novo plan de transporte é, precisamente, a incorporación de dúas novas expedicións con parada nas inmediacións do IES David Buján. Como a implantación destes dous percorridos se realizou durante o período vacacional, espérase que os alumnos e alumnas do instituto empecen a utilizar estes novos roteiros desde o luns, 11 de xaneiro.

Como explica a concelleira de Medio Ambiente e Mobilidade, Patricia Parcero, trátase de “dúas importantes novidades que darán resposta a unha compromiso histórico acadado coa comunidade educativa”.

Por unha banda, unha delas parte desde Entrexardíns e pasa polos núcleos máis poboados do municipio (O Temple, A Barcala e Cambre) ata chegar ao seu destino, en Parrillada Peiró (inmediacións do IES David Buján). Esta liña conta con paradas no Paraugas, na urbanización A Barcala e en praza Europa, así como na estación de tren de Cambre. En canto á regularidade, os autobuses pasarán cada hora, polo que os estudantes terán flexibilidade para utilizalo en función dos horarios de entrada e saída das clases. Esta expedición serve, así mesmo, para garantir unha mellor conexión coa Coruña para os veciños e veciñas do municipio.

Polo outro lado, a segunda liña parte desde Tabeaio, recollendo aos mozos de Carral que estudan no David Buján e discorrendo por Sigrás, Meixigo, Brexo-Lema, Bribes, Andeiro e Santa María de Vigo –neste caso, a parada máis próxima ao IES será a do Hostal Alba-. Os horarios desta expedición axústanse ás horas de entrada e saída dos mozos ao centro de ensino, e pasan cada dúas horas.