As bandas interesadas en participar no evento poderán inscribirse nos rexistros municipais entre o 28 de xuño e o 11 de xullo.

O Concello de Cambre acaba de publicar as bases para a selección dos grupos de teloneiros que actuarán no Rock in Cambre 2019. Con esta iniciativa, o Concello busca impulsar e apoiar ás bandas locais, brindándolles a posibilidade de actuar no evento, que este ano se celebrará os días 2 e 3 de agosto.

Poderán participar nesta convocatoria as bandas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Como mínimo, un dos membros da agrupación deberán estar empadroado no Concello de Cambre.
  • A antigüidade mínima do empadroado será dun ano.
  • O estilo musical deberá ser pop-rock-fusión.
  • Todos os compoñentes do grupo deberán ter cumpridos 16 anos antes do inicio do Rock in Cambre.

As agrupacións interesadas en participar deberán presentar o formulario de inscrición en calquera dos rexistros do Concello entre o venres 28 de xuño e o 11 de xullo. Ademais da ficha de inscrición, as bandas deberán presentar o volante individual de empadroamento, unha fotografía recente do grupo, unha ficha artística de cada grupo, dossier –títulos, letras escritas e autoría dos temas presentados- e unha maqueta de dous temas de creación propia cunha duración máxima de 15 minutos.

A selección dos grupos realizaraa un xurado que tomará a decisión o próximo 17 de xullo. Os membros deste xurado escollerán a 6 grupos, que terán a consideración de premiados, e eligirán a outros 6 de reserva por se algún dos premiados non puidese actuar.

Os elixidos participarán no Rock in Cambre 2019, e dispoñerán, aproximadamente, de 30 minutos para a súa actuación.